Nome do proxecto: HUMANA
Programa ao que pertence: PROGRAMAS PARA A PREVENCIÓN DE DELITOS RELACIONADOS CON TODAS AS FORMAS DE VIOLENCIA CONTRA As MULLERES, INCLUÍDA A PROTECCIÓN INTEGRAL DAS VÍTIMAS
Financia: IRPF 2017 (EXECUCIÓN 2018)
Achegámonos ao colectivo de mulleres que exercen a prostitución cun importante compoñente social (prostitución, inmigración…) e tamén sanitario (VIH, ETS…). Facémolo visitando clubs, bares ou pisos, lugares nos que as mulleres que exercen a prostitución viven unha situación de illamento, produto tanto da súa irregularidade administrativa (carecen de “papeis” ou posúen ordes de expulsión que as sitúa á marxe, non só dos recursos existentes senón tamén da sociedade) como do sometemento e a explotación aos que ven sometidas polos proxenetas (longas e abusivas xornadas suxeitas a un horario nocturno que lles impide un contacto social normalizado). Carecen da información máis necesaria: a nivel sanitario xeneral ou específico, información básica e veraz sobre as consecuencias sanitarias de levar a cabo prácticas sexuais de risco, de como protexerse e previr ETS, VIH…, do importante que é o uso do preservativo. O noso achegamento aos contextos de prostitución realízase co fin principal de eliminar esa barreira de illamento na que viven moitas mulleres. A súa situación de irregularidade administrativa ou o estigma asociado ao exercicio da prostitución son circunstancias que axudan a que sexan máis vulnerables, a que se illen do resto da sociedade, que vivan cun medo permanente á expulsión, que teñan maiores dificultades tanto para acceder ao mercado laboral como ao resto dos recursos e que mesmo, chégalles a ocasionar unha imaxe negativa de si mesmas cunha continuada deterioración da súa identidade. Con este Proxecto continuamos un traballo xa consolidado que trata de acompañar á muller nese proceso de superar barreiras tanto sociais como persoais que lle impiden facer uso dos seus dereitos de cidadá. Tratamos pois de contribuír á promoción da cidadanía das mulleres que exercen a prostitución ao mesmo tempo que pretendemos realizar un traballo de transformación social. Sensibilizar, informar para que se coñeza a realidade e así poida ser transformada.