Atención integral dirixido a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia.2017
Ano: 2017
Financia: Fondo Social Europeo e Secretaria Xeral de Igualdade (Xunta de Galicia)
O proxecto:
As Nacións Unidas calculan que, ao ano, uns catro millóns de mulleres e nenas son vítimas de trata con fins de explotación sexual mentres que a OIM (Organización Internacional para as Migracións) advirte que cerca de cen mil mulleres e nenas entran en Europa anualmente como vítimas de trata con fins de explotación sexual.
Calcúlase que, de tódolos casos de trata rexistrados a nivel mundial, case un 80% corresponde a esta modalidade.
Na actualidade, a explotación sexual e a trata de persoas con fins de explotación sexual está recoñecida como unha auténtica escravitude moderna, dende o momento en que se obriga a millóns de persoas a ser vendidas como obxectos e posteriormente vivir en condicións de auténtico sometemento e risco para a súa integridade física e psicolóxica, cun fin que xerará beneficios económicos para os seus captores e receptores. Trátase duns fenómenos que lesionan fondamente a dignidade humana dende o momento en que limita a capacidade das vítimas de autodeterminarse e construír proxectos de vida propios.
Tendo en conta que a gran maioría das vítimas son mulleres, calquera interpretación ou intervención sobre este fenómeno ha de ter en conta a perspectiva de xénero. Ao igual que outras formas de violencia contra as mulleres, caracterízase por unha relación de dominación dun sexo sobre o outro, que ten as súas orixes nos valores tradicionais do patriarcado, que asigna roles diferentes a mulleres e homes dende o momento do nacemento.
Ademais, estamos ante fenómenos multidimensionais e, por tanto, con causas múltiples.
Poderiamos mencionar como causas principais a difícil situación económica e política do país de orixe, a feminización da pobreza e a emigración ou a proliferación de redes de trata transnacionais.
Por outro lado, as vítimas destes crimes soen ser persoas cun grao de vulnerabilidade moi elevado. O grupo con maior risco de converterse en vítima é o de mulleres e nenas con niveis de escolarización baixos, necesidades básicas insatisfeitas ou ben, aquelas que van na busca dunha mellor situación económica en contextos de gran precariedade.
Malia estar falando dun fenómeno a escala mundial non debemos esquecer a situación concreta de España e, concretamente, de Galicia.
España sitúase como principal receptor de mulleres vítimas destes fenómenos. Por exemplo, os informes “Trata de seres humanos con fins de explotación sexual” publicados anualmente pola Garda Civil dende 1999, estiman en 18.000 o número de mulleres estranxeiras vítimas deste delito, se ben a propia Garda Civil recoñece que o número de casos identificados non representa nin a metade dos existentes.
Nesta liña, a Rede Española contra Trata de persoas que agrupa a 24 ONGs, eleva a entre 40.000 e 50.000 as mulleres explotadas no noso país.
As mulleres vítimas de explotación e trata en España son, en máis do 95%, estranxeiras, e localízanse por toda xeografía española. Das súas nacionalidades despréndense tres orixes básicos: Romanía (no caso das europeas), Nixeria (para as africanas) e Brasil, Colombia, República Dominicana e Paraguai (para as latinoamericanas). Outro elemento que está a converter a trata de mulleres con fins de explotación sexual en España nun fenómeno cada vez máis preocupante é a xuventude das mulleres, dos 23 aos 32 anos, incluso as ONGs alertan de que o 1% das vítimas poderían ser menores de idade.
Galicia, referente aos datos das mulleres vítimas de explotación sexual e trata, segue a mesma liña que o resto do Estado.
No caso de Vagalume – CÁRITAS durante o 2016 foron atendidas máis de 500 mulleres. Entre estas atencións compútanse as mulleres atendidas e/ou informadas en traballo de rúa e aquelas que recibiron atención xurídica, psicolóxica, social ou laboral e as usuarias do centro de día onde se imparte formación de diversa índole.
Nomeadamente no marco do Proxecto Arco da Vella (2016) foron atendidas 82 mulleres das que o 65% recibiron ou están a recibir unha atención integral.
As participantes neste proxecto, na súa totalidade, viron mellorada a súa calidade de vida e viron garantidos os seus dereitos fundamentais.
As mulleres que recibiron ou están a recibir unha atención integral contan cun proxecto persoal a medio prazo, onde o acompañamento, asesoramento e seguimento é fundamental.
Do mesmo xeito, todas elas, tiveron acceso a unha atención psicolóxica, asesoría xurídica, asesoramento social e orientación laboral e formación de calidade.
É salientable que o 20% das participantes, que contaban cos requisitos necesarios, están integradas nos sistemas de formación e laborais oficiais, e 5 delas lograron un emprego regularizado.
Atendendo ao citado anteriormente, a necesidade de executar proxectos de atención integral que teñan como destinatarias ás mulleres vítimas de explotación sexual e/ou de trata con fins de explotación sexual faise evidente. Neste sentido, despois de 25 anos de traballo, Vagalume – CÁRITAS continúa ofrecendo apoio integral ás mulleres que se atopan neste contexto.
Dadas as circunstancias actuais socioeconómicas e as características específicas das mulleres coas que traballamos, é preciso facer fincapé naqueles aspectos que incidan directamente na súa recuperación persoal e na inclusión social, cultural e laboral.
Sendo esta última un piar fundamental para poder acadar unha vida autónoma e realizar un proceso vital de éxito.
O “Proxecto Arco da Vella II” pretende, deste xeito, dar continuidade ao proxecto executado durante o 2016 e incidir nestes aspectos e así, paliar as graves consecuencias que ten na vida das mulleres ser ou ter sido vítimas de explotación sexual e/ou trata.
As actuacións do proxecto:
As actuacións que se teñen previsto desenvolver no marco do “Proxecto Arco da Vella” e que se vinculan directamente coa consecución dos obxectivos específicos englóbanse en cinco áreas:
-Atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades competentes.
-Asesoramento social, apoio directo, atención, información e asesoramento continuado.
-Atención psicolóxica
-Asesoramento xurídico
-Orientación e asesoramento laboral. Formación.
O proxecto e as súas actuacións teñen en conta:
- A transversalidade da perspectiva de xénero como un eixo da entidade e, por tanto, das actuacións que dende a mesma se leva a cabo.
- O traballo en rede con recursos similares e sociais, tanto estatais como autonómicos, ofrece grandes posibilidades e facilita os procesos das participantes.
- O voluntariado, un dos piares da entidade, está consolidado e formado na materia que nos ocupa polo que realiza tarefas fundamentais para o desenvolvemento das actuacións.
- A comunicación externa da entidade e o uso das novas tecnoloxías que permite de maneira sinxela e atractiva difundir as actuacións así como sensibilizar/informar a sociedade en xeral.
A participación activa do Programa Vagalume – CÁRITAS en publicacións nacionais e internacionais.
Ao remate do proxecto:
No caso do Programa Vagalume – CARITAS, durante o 2017 (de novembro a outubro), foron atendidas máis de 600 mulleres. Entre estas atencións compútanse as mulleres atendidas e/ou informadas en traballo de rúa e aquelas que recibiron atención xurídica, psicolóxica, acompañamentos e as usuarias do centro de día onde se imparte formación de diversa índole.
Atendendo ao citado anteriormente, a necesidade de executar proxectos de atención integral que teñan como destinatarias ás mulleres vítimas de explotación sexual e/ou de trata con fins de explotación sexual faise evidente. Neste sentido, despois de 25 anos de traballo, Vagalume – CÁRITAS continúa ofrecendo apoio integral ás mulleres que se atopan neste contexto.
O proxecto “Arco da Vella II”, analizando as necesidades específicas do colectivo cara o que vai dirixido a actuación e dadas as circunstancias socioeconómicas actuais, centrouse nos aspectos que inciden directamente na súa recuperación persoal e na inclusión social, cultural e laboral. Sendo esta última un piar fundamental para poder acadar unha vida autónoma e realizar un proceso vital de éxito.
No marco deste proxecto atendéronse 108 mulleres que participaron nunha ou varias das actuacións levadas a cabo é salientable que máis do 50% das mulleres recibiron unha atención integral continuada no tempo.
Facendo unha panorámica xeral dos 12 meses que durou o proxecto “Arco da Vella II” observamos que 108 mulleres recibiron atención inicial. Destas mulleres, 78 recibiron asesoramento social e apoio directo, 65 acudiron a asesoría xurídica e 49 a atención psicolóxica. Nos obradoiros e en asesoramento laboral individual participaron 37 mulleres.
O proxecto “Arco da Vella II” tratou, deste xeito, de incidir nestes aspectos e así, paliar as graves consecuencias que ten na vida destas 108 mulleres ser ou ter sido vítimas de explotación sexual e/ou trata.
Ademais podemos sinalar que, tendo en conta as dificultades das mulleres que participan no proxecto, os resultados considéranse moi positivos, xa que no 100% dos casos a súa calidade de vida viuse mellorada e máis da metade das mulleres participantes realizaron ou ben están a realizar un proceso de desenvolvemento persoal e empoderamento que as situará nunha posición diferente para acadar as súas metas e afrontar as dificultades coas que se atopan.