Este traballo de Alicia Ródenas, de 17 anos, está a usarse en institutos de Albacete para falar sobre o machismo.

O instituto Diego Siloé de Albacete organiza un concurso de curtas entre o seu alumnado. Alicia Ródenas, de 17 anos, presentouse cun vídeo no que le un centenar de frases machistas.

Comeza con algunhas que impoñen roles de xénero na infancia, como “se che ven xogar cos nenos chamaranche marimacho” ou “Informática? Non prefires bailar?”.

De aí pásase a comentarios como en “estás sempre rodeada de mozos, calientapollas” e “que pasa, tes a regra?”.

O vídeo acaba con frases que fan referencia máis directa aos malos tratos, como “se che mira outra vez doulle” e “que non me deixes, ou fago unha toleada”.

Este vídeo non quedou só nunha actividade escolar: leva unhas 120.000 reproducións desde que o instituto o publicou  en YouTube o pasado 29 de marzo. Máis de cen mil foron nos últimos tres días. Ademais, achégase ao millón de reproducións en Facebook, onde o compartiu a páxina Afectados BB Serveis.