Ano: 2016
Financia: Secretaria Xeral de Igualdade
Prostitución e Trata son dous fenómenos estreitamente interrelacionados, sendo a prostitución o obxectivo principal da trata de mulleres. O carácter local, incluso individual, que podía ter a prostitución tradicional foi sustituído por algo moito máis complexo e de maior alcance, por unha actividade delictiva que comercia coas mulleres, vulnerando a súa dignidade e comprometendo gravemente os DD.HH.
A Trata de persoas con fins de explotación sexual debe ser analizada dende unha perspectiva global e interconectada, na que conflúen factores económicos, sociais, políticos e culturais. As desigualdades de xénero, a feminización da pobreza e os fluxos migratorios son factores interrelacionados e determinantes neste fenómeno.
Segundo as Nacións Unidas, España figura entre os principais países de destino de mulleres con fins de explotacións sexual, aínda que tamén destaca a súa condición de país de tránsito. De todos xeitos, descoñécese o verdadeiro alcance e natureza do fenómeno debido, sobre todo, á falta xeneralizada de datos relativos á súa dimensión, evolución, magnitude,etc.
Segundo o VI Plan Galego para a Igualdade entre mulleres e homes, “a trata de persoas, nomeadamente de mulleres e con fins de explotación sexual, é unha cruel realidade que precisa dun tratamento institucional claro e contundente. Segundo datos da Garda Civil, no ano 2009 atendeuse a 129 vítimas de trata con fins de explotación sexual, das cales o 95,04% eran de nacionalidade estranxeira.”
O Programa Vagalume, durante o ano 2016 atendeu a máis de 200 mulleres que viven en contextos de prostitución e/ou son vítimas de explotación sexual ou trata de seres humanos con fins de explotación sexual, no caso de 14 destas mulleres, despois de unha entrevista individualizada e/ou a través de denuncia, determinouse que había índicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
A través desta análise global do fenómeno e, tendo en conta, o contexto socio-económico, o Programa Vagalume dende hai máis de 10 anos busca novas formas de intervención que permitan prestar unha atención integral, apoio, acollida e recuperación ás mulleres vítimas de explotación sexual e de trata e aquelas que viven en contextos de prostitución que, entre outras, se concreta no Dispositivo de Acollida ao que se refire esta memoria.
A principal finalidade do Dispositivo é proporcionar ás mulleres que viven en contextos de prostitución e/ou son vítimas de trata de persoas con fin de explotación sexual un espazo para levar a cabo un proceso de recuperación persoal e de autonomía plena para lograr a súa integración social, cultural e laboral.
Acoller, protexer, dar seguridade e apoio profesional, proporcionar un fogar así como certa independencia económica é fundamental para abordar de xeito integral o proceso de recuperación das mulleres que pasan por esta situación.
O piso de emerxencia posibilita unha residencia temporal, onde as mulleres contan co tempo necesario para a súa recuperación emocional e de reflexión. Nese tempo trátase de potenciar os seus recursos persoais para afrontar situacións futuras, que sexan mulleres autónomas, independentes e capaces de elaborar un proxecto vital.
Malia que na maior parte dos casos non hai denuncia, se seguimos a definición do Protocolo de Palermo citada anteriormente, un número moi elevado de mulleres son, efectivamente, vítimas de trata.
A ausencia de denuncias é explicada polas propias mulleres facendo referencia ao medo e á falta de garantías sobre a súa seguridade e a da súa familia tanto no país de orixe como no de destino. Este é o motivo polo que en moitos dos casos teñamos que empregar recursos e ferramentas legais e sociais diferentes aos que se empregan cando as mulleres teñen a condición de “vítima de trata”.
“A forma máis común de renunciar ao poder é pensando que non o temos”
Alice Walker, escritora afroamericana e feminista, gañadora do Premio Pulitzer pola novela El color púrpura)