Atención integral dirixido a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia.2016
Ano: 2016
Financia: Fondo Social Europeo e Secretaria Xeral de Igualdade (Xunta de Galicia)
O Proxecto:
As Nacións Unidas calculan que, ao ano, uns catro millóns de mulleres e nenas son vítimas de trata con fins de explotación sexual mentres que a OIM (Organización Internacional para as Migracións) advirte que cerca de cen mil mulleres e nenas entran en Europa anualmente como vítimas de trata con fins de explotación sexual.
Na actualidade, a explotación sexual e a trata de persoas con fins de explotación sexual está recoñecida como unha auténtica escravitude moderna.
Tendo en conta que a gran maioría das vítimas son mulleres, calquera interpretación ou intervención sobre este fenómeno ha de ter en conta a perspectiva de xénero. Ademais, estamos ante fenómenos multidimensionais e, por tanto, con causas múltiples. Poderiamos mencionar como causas principais a difícil situación económica e política do país de orixe, a feminización da pobreza e a emigración ou a proliferación de redes de trata transnacionais.
Por outro lado, as vítimas destes crimes soen ser persoas cun grao de vulnerabilidade moi elevado. O grupo con maior risco de converterse en vítima é o de mulleres e nenas con niveis de escolarización baixos, necesidades básicas insatisfeitas ou ben, aquelas que van na busca dunha mellor situación económica en contextos de gran precariedade.
Malia estar falando dun fenómeno a escala mundial non debemos esquecer a situación concreta de España e, concretamente, de Galicia.
España sitúase como principal receptor de mulleres vítimas destes fenómenos. Por exemplo, os informes “Trata de seres humanos con fins de explotación sexual” publicados anualmente pola Garda Civil dende 1999, estiman en 18.000 o número de mulleres estranxeiras vítimas deste delito, se ben a propia Garda Civil recoñece que o número de casos identificados non representa nin a metade dos existentes.
Nesta liña, a Rede Española contra Trata de persoas que agrupa a 24 ONGs, eleva a entre 40.000 e 50.000 as mulleres explotadas no noso país.
As mulleres vítimas de explotación e trata en España son, en máis do 95%, estranxeiras, e localízanse por toda xeografía española. Das súas nacionalidades despréndense tres orixes básicos: Rumanía (no caso das europeas), Nixeria (para as africanas) e Brasil, Colombia, República Dominicana e Paraguai (para as latinoamericanas). Outro elemento que está a converter a trata de mulleres con fins de explotación sexual en España nun fenómeno cada vez máis preocupante é a xuventude das mulleres, dos 23 aos 32 anos, incluso as ONGs alertan de que o 1% das vítimas poderían ser menores de idade.
Galicia, referente aos datos das mulleres vítimas de explotación sexual e trata, segue a mesma liña que o resto do Estado.
No caso de Vagalume – CARITAS durante o 2015 foron atendidas 900 mulleres. Entre estas atencións compútanse as mulleres atendidas e/ou informadas en traballo de rúa e aquelas que recibiron atención xurídica, psicolóxica, acompañamentos e as usuarias do centro de día onde se imparte formación de diversa índole.
Atendendo ao citado anteriormente, a necesidade de executar proxectos de atención integral que teñan como destinatarias ás mulleres vítimas de explotación sexual e/ou de trata con fins de explotación sexual faise evidente. Neste sentido, despois de 25 anos de traballo, o Vagalume – CÁRITAS continúa ofrecendo apoio integral ás mulleres que se atopan neste contexto.
Dadas as circunstancias actuais socioeconómicas e as características específicas das mulleres coas que traballamos, é preciso facer fincapé naqueles aspectos que incidan directamente na súa recuperación persoal e na inclusión social, cultural e laboral. Sendo esta última un piar fundamental para poder acadar unha vida autónoma e realizar un proceso vital de éxito.
O “Proxecto Arco da Vella” pretende, deste xeito, incidir nestes aspectos e así, paliar as graves consecuencias que ten na vida das mulleres ser ou ter sido vítimas de explotación sexual e/ou trata.
Os obxectivos do proxecto “Arco da Vella” :
- Proporcionar a todas as mulleres en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata con fins de explotación sexual, derivadas ou non das autoridades competentes unha atención inicial de calidade.
- Ofrecer un asesoramento social de calidade ás participantes incidindo no apoio directo, acompañamento e seguimento do proxecto persoal de cada unha que lles permita o acceso a recursos e garanta os seus dereitos fundamentais.
- Ofrecer ás participantes unha atención psicolóxica profesional, de calidade e a longo prazo que repercuta de maneira positiva nos seus procesos de recuperación persoal e lles permita acadar autonomía e seguridade.
- Proporcionar ás participantes asesoramento xurídico profesional e de calidade sobre os seus dereitos e deberes así como para a tramitación de procedementos administrativos de diversa índole que incidirán na procura dunha mellor calidade de vida.
- Dotar ás participantes das ferramentas necesarias para poder iniciar un proceso de busca de emprego eficaz a través de obradoiros formativos prelaborais, orientación e asesoramento laboral.
As actuacións do proxecto
As actuacións que se teñen previsto desenvolver no marco do “Proxecto Arco da Vella” e que se vinculan directamente coa consecución dos obxectivos específicos englóbanse en cinco áreas:
-Atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades competentes.
-Asesoramento social, apoio directo, atención, información e asesoramento continuado.
-Atención psicolóxica
-Asesoramento xurídico
-Orientación e asesoramento laboral. Formación.
O proxecto e as súas actuacións teñen en conta:
- A transversalidade da perspectiva de xénero como un eixo da entidade e, por tanto, das actuacións que dende a mesma se leva a cabo.
- O traballo en rede con recursos similares e sociais, tanto estatais como autonómicos, ofrece grandes posibilidades e facilita os procesos das participantes.
- O voluntariado, un dos piares da entidade, está consolidado e formado na materia que nos ocupa polo que realiza tarefas fundamentais para o desenvolvemento das actuacións.
- A comunicación externa da entidade e o uso das novas tecnoloxías que permite de maneira sinxela e atractiva difundir as actuacións así como sensibilizar/informar a sociedade en xeral.
- A participación activa do Programa Vagalume – CÁRITAS en publicacións nacionais e internacionais.
Ao remate do proxecto:
No caso do Programa Vagalume – CARITAS, durante o 2016 (de xaneiro a outubro), foron atendidas 374 mulleres. Entre estas atencións compútanse as mulleres atendidas e/ou informadas en traballo de rúa e aquelas que recibiron atención xurídica, psicolóxica, acompañamentos e as usuarias do centro de día onde se imparte formación de diversa índole.
Atendendo ao citado anteriormente, a necesidade de executar proxectos de atención integral que teñan como destinatarias ás mulleres vítimas de explotación sexual e/ou de trata con fins de explotación sexual faise evidente. Neste sentido, despois de 25 anos de traballo, o Programa Vagalume – CÁRITAS continúa ofrecendo apoio integral ás mulleres que se atopan neste contexto.
O proxecto “Arco da Vella”, analizando as necesidades específicas do colectivo cara o que vai dirixido a actuación e dadas as circunstancias socioeconómicas actuais, centrouse nos aspectos que inciden directamente na súa recuperación persoal e na inclusión social, cultural e laboral. Sendo esta última un piar fundamental para poder acadar unha vida autónoma e realizar un proceso vital de éxito.
No marco deste proxecto atendéronse 82 mulleres que participaron nunha ou varias das actuacións levadas a cabo é salientable que máis do 60% das mulleres recibiron unha atención integral continuada no tempo.
Facendo unha panorámica xeral dos 10 meses que durou o proxecto “Arco da Vella” observamos que 82 mulleres recibiron atención inicial. Destas mulleres, 67 recibiron asesoramento social e apoio directo, 44 acudiron a asesoría xurídica e 45 a atención psicolóxica. Nos obradoiros e en asesoramento laboral individual participaron 25 mulleres.
O proxecto “Arco da Vella” tratou, deste xeito, de incidir nestes aspectos e así, paliar as graves consecuencias que ten na vida destas 82 mulleres ser ou ter sido vítimas de explotación sexual e/ou trata.
Ademais podemos sinalar que, tendo en conta as dificultades das mulleres que participan no proxecto, os resultados considéranse moi positivos, xa que no 100% dos casos a súa calidade de vida viuse mellorada e máis da metade das mulleres participantes realizaron ou ben están a realizar un proceso de desenvolvemento persoal e empoderamento que as situará nunha posición diferente para acadar as súas metas e afrontar as dificultades coas que se atopan.