Atención integral dirixido a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia.2018
Ano: 2018
Financia: Fondo Social Europeo e Secretaria Xeral de Igualdade (Xunta de Galicia)
O proxecto:
As Nacións Unidas calculan que, ao ano, uns catro millóns de mulleres e nenas son vítimas de trata con fins de explotación sexual mentres que a OIM (Organización Internacional para as Migracións) advirte que cerca de cen mil mulleres e nenas entran en Europa anualmente como vítimas de trata con fins de explotación sexual.
Calcúlase que, de tódolos casos de trata rexistrados a nivel mundial, case un 80% corresponde a esta modalidade.
Na actualidade, a explotación sexual e a trata de persoas con fins de explotación sexual está recoñecida como unha auténtica escravitude moderna, dende o momento en que se obriga a millóns de persoas a ser vendidas como obxectos e posteriormente vivir en condicións de auténtico sometemento e risco para a súa integridade física e psicolóxica, cun fin que xerará beneficios económicos para os seus captores e receptores. Trátase duns fenómenos que lesionan fondamente a dignidade humana dende o momento en que limita a capacidade das vítimas de autodeterminarse e construír proxectos de vida propios.
Tendo en conta que a gran maioría das vítimas son mulleres, calquera interpretación ou intervención sobre este fenómeno ha de ter en conta a perspectiva de xénero. Ao igual que outras formas de violencia contra as mulleres, caracterízase por unha relación de dominación dun sexo sobre o outro, que ten as súas orixes nos valores tradicionais do patriarcado, que asigna roles diferentes a mulleres e homes dende o momento do nacemento.
Ademais, estamos ante fenómenos multidimensionais e, por tanto, con causas múltiples.
Poderiamos mencionar como causas principais a difícil situación económica e política do país de orixe, a feminización da pobreza e a emigración ou a proliferación de redes de trata transnacionais.
Por outro lado, as vítimas destes crimes soen ser persoas cun grao de vulnerabilidade moi elevado. O grupo con maior risco de converterse en vítima é o de mulleres e nenas con niveis de escolarización baixos, necesidades básicas insatisfeitas ou ben, aquelas que van na busca dunha mellor situación económica en contextos de gran precariedade.
Malia estar falando dun fenómeno a escala mundial non debemos esquecer a realidade concreta de España e, concretamente, de Galicia.
España sitúase como principal receptor de mulleres vítimas destes fenómenos. Por exemplo, os informes “Trata de seres humanos con fins de explotación sexual” publicados anualmente pola Garda Civil dende 1999, estiman en 18.000 o número de mulleres estranxeiras vítimas deste delito, se ben a propia Garda Civil recoñece que o número de casos identificados non representa nin a metade dos existentes.
Nesta liña, a Rede Española contra Trata de persoas que agrupa a 24 ONGs, eleva a entre 40.000 e 50.000 as mulleres explotadas no noso país.
As mulleres vítimas de explotación e trata en España son, en máis do 95%, estranxeiras, e localízanse por toda xeografía española. Das súas nacionalidades despréndense tres orixes básicos: Romanía (no caso das europeas), Nixeria (para as africanas) e Brasil, Colombia, República Dominicana e Paraguai (para as latinoamericanas). Outro elemento que está a converter a trata de mulleres con fins de explotación sexual en España nun fenómeno cada vez máis preocupante é a xuventude das mulleres, dos 23 aos 32 anos, incluso as ONGs alertan de que o 1% das vítimas poderían ser menores de idade.
Galicia, referente aos datos das mulleres vítimas de explotación sexual e trata, segue a mesma liña que o resto do Estado.
No caso de Vagalume – CÁRITAS durante a execución dos proxectos Arco da Vella I e II foron atendidas máis de 1.250 mulleres. Entre estas atencións compútanse as mulleres atendidas e/ou informadas en traballo de rúa e aquelas que recibiron atención xurídica, psicolóxica, social ou laboral e as usuarias do centro de día onde se imparte formación de diversa índole.
Nomeadamente vinculadas ao Proxecto Arco da Vella II (2017) foron atendidas 108 mulleres das que o máis do 50% recibiron ou están a recibir unha atención integral.
As mulleres que participaron neste proxecto, na súa totalidade, viron mellorada a súa calidade de vida e garantidos os seus dereitos fundamentais.
As mulleres que recibiron ou están a recibir unha atención integral contan cun proxecto persoal a medio prazo, onde o acompañamento, asesoramento e seguimento é fundamental.
Do mesmo xeito, todas elas, tiveron acceso a unha atención psicolóxica, asesoría xurídica, asesoramento social e orientación laboral e formación de calidade.
É salientable que, 3 de cada 5 das participantes, que contaban cos requisitos necesarios, están integradas nos sistemas de formación e laborais oficiais, e 6 delas obtiveron un emprego regularizado.
Atendendo ao citado anteriormente, e o aumento das participantes respecto ao proxecto desenvolvido no 2016, a necesidade de executar proxectos de atención integral que teñan como destinatarias ás mulleres vítimas de explotación sexual e/ou de trata con fins de explotación sexual faise evidente. Neste sentido, despois de 25 anos de traballo, Vagalume – CÁRITAS continúa ofrecendo apoio integral ás mulleres que se atopan neste contexto.
Tendo en conta que a maioría das mulleres participantes no proxecto Arco da Vella I e II se atopaban en situación administrativa irregular, polo que non teñen acceso a moitos dos recursos sociais nin ao mercado laboral formal; e dadas as circunstancias actuais socioeconómicas e as características específicas do colectivo co que traballamos, é preciso facer fincapé naqueles aspectos que incidan directamente na súa recuperación persoal e na inclusión social, cultural e laboral.
Sendo esta última un piar fundamental para poder acadar unha vida autónoma e realizar un proceso vital de éxito.
O proxecto Arco da Vella II deu continuidade ao proxecto executado durante o 2016 e incidiu nos aspectos mencionados, paliando así as graves consecuencias que ten na vida das mulleres ser ou ter sido vítimas de explotación sexual e/ou trata.
O proxecto “Arco da Vella III” busca seguir con esa continuidade, incidindo nos obxectivos específicos adaptándose aos recentes cambios que presenta o mundo da prostitución, como mencionamos estreitamente vinculado á trata de persoas con fins de explotación sexual.
Os resultados:
No marco do proxecto Arco da Vella III realízanse diferentes actuacións coa finalidade de acadar os obxectivos específicos establecidos.
As actuacións englóbanse en 5 áreas: atencións iniciais (acollidas), asesoramento social, atención psicolóxica, asesoramento xurídico e orientación, información e formación no eido pre/laboral.
As actuacións leváronse acabo cun enfoque integral, e seguindo as liñas e principios fundamentais da entidade, que busca dar apoio, ofrecer acompañamento e potenciar o desenvolvemento persoal e autonomía de cada muller.
– ATENCIÓN INICIAL, ACOLLIDA. No marco do proxecto tiveron lugar 138 atencións iniciais, na maioría dos casos as participantes acoden por iniciativa propia (a través do traballo de rúa ou ben polo “boca a boca” e o posicionamento da entidade como lugar de referencia).- Mais tamén a coordinación coas autoridades e outros recursos facilita o acceso das mulleres ao recurso. Recibíronse 7 casos derivados de servizos sociais e outras entidades e 5 casos derivados directamente pola CNP.
-ASESORAMENTO SOCIAL. Esta área abrangue dende o asesoramento e a información social até acompañamentos en trámites, tarxeta sanitaria, empadroamento, seguementos periódicos, coordinación con outros recursos, derivacións,… Sendo unha actuación necesaria para garantir o acceso a dereitos fundamentais, xa que o descoñecemento e ausencia de información implica en moitos casos limitacións graves á hora de acceso a recursos.
Durante o desenvolvemento do proxecto, o 80% das mulleres contaron con asesoramento social. Unha elevadacifra accedeu aos recursos sociai (axudas económicas, bonobús, bonos sociais luz/auga…). É relevante o acceso á saúde que durante a execución do proxecto se garantiu para 15 mulleres en situación administrativa irregular a través do Programa Galego de Protección da Saúde Pública.
Como é habitual realizáronse múltiples acompañamentos físicos, previa solicitude das participantes, por mor do descoñecemento e inseguridade especialmente en primeiras visitas e entrevistas.
Continuouse, igual que en anos anteriores, dentro desta área coa creación e seguimentos de proxectos persoais. Máis de 30 mulleres realizaron un proxecto persoal e lograron a maioría dos obxectivos propostos e moitas delas continúan neste proceso malia finalización do proxecto.
-ATENCIÓN PSICOLÓXICA. Esta actuación é fundamental e contribúe positivamente ao proceso de recuperación persoal e resiliencia das mulleres participantes que sofren as consecuencias de ser ou ter sido vítimas TSH. esta actuación lévase a cabo a través de dúas actividades diferenciadas: atención psicolóxica individualizada e un GAM (Grupo de Axuda Mutua).
O GAM funcionou como medida de prevención para posibles trastornos de saúde mental adquiridos pola situación vivida e trabaláronse obradoiros e sesións de debate/reflexión dende afectividade e sexualidade até hábitos de vida saudables pasando por autocoidado, relación interpersoais de calidade, prevención en adiccións,etc. Nos meses que durou o proxecto pasaron polo GAM 21 mulleres.
Acudiron a atención psicolóxica individualizada arredor de 65 mulleres.
– ASESORAMENTO XURÍDICO. Nas mulleres que son ou foron vítimas de TSH con fins de explotación sexual é imprescindible para o seu restablecemento contar cunha orientación socio-xurídica de calidade,apoio en xestión básica de trámites, información sobre dereitos e, por suposto, acceder a entidades específicas que realicen identificación e asistencia a mulleres vítimas de TSH.
No desenvolvemento do proxecto acudiron a asesoría xurídica sobre 70 mulleres con solicitudes de diversa índole malis que destacan as de dereito civil e continúan en aumento as de regularización administrativa e nacionalidade.
– ORIENTACIÓN E ASESORAMENTO LABORAL. FORMACIÓN. A inserción socio-laboral, á hora de lograr unha inclusión real, a autonomía plena e levar a cabo un proceso de recuperación persoal é fundamental.
O obxectivo desta actuación foi mellorar e incidir nesta área para ofrecer ás participantes unha formación laboral e prelaboral de calidade, así como asesoramento e orientación laboral individualizada que permita a medio e longo prazo (tendo en conta a maioría de mulleres en situación administrativa irregular) que as mulleres conten coa información, recursos e ferramentas necesarias para ter á súa disposición todo o necesario no momento de iniciar unha busca de emprego activa con posibilidades reais e xustas. Leváronse a cabo diversas actividades, obradoiros formativos de Competencias Clave, Curso básico de Primeiros Auxilios, Motivación cara o Emprego, Ferramanetas para a busca de Emprego…así como atencións individualizadas. Nos obradoiros participaron unhe media de 12 mulleres e a atención individualizada acudiron sobre 30.
Durante o 2018 continúase a observar que a situación socioeconómica e o novo contexto político internacional trae da man unha nova realidade para a prostitución e a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
Esta realidade, á que se enfrontan as mulleres en contextos de prostitución e/ou vítima de TSH con fins de explotación sexual, pasa por: aumento da vulnerabilidade das mulleres; ausencia de oportunidades socio-laborais; aumento da marxinalidade e empobrecemento na prostitución; aumento das prácticas de risco; maior diversidade nas nacionalidade; traslado de clubs a pisos dificultando acceso e identificación de situación de explotación; retorno de mulleres que abandonaran a prostitución por ausencia de alternativas; etc.
Por todo o mencionado, as actuación do proxecto Arco da Vella III continúan a ser fundamentais para poder dar respostas ás necesidades e demandas das participantes así como poder prestar unha actuación individualizada e con enfoque integral.
Esta necesidade evidénciase cando, se comparamos co ano anterior, observamos que as mulleres atendidas no marco do proxecto aumentaron nun 22% e cun maior nº de demandas e por tanto de intervencións con proxectos persoais e seguementos individualizados.
Atendendo a un dos piares do proxecto, a inserción sociolaboral,e tendo en conta que unha elevada porcentaxe de participantes se atopa en situación administrativa irregular é importante sinalar que practicamente o 35% das mulleres recibiron formación laboral ou prelaboral e máis do 70% accederon e coñeceron recursos sociais, e máis do 60% recibiron atención psicolóxica e/ou xurídica.
En conclusión, tendo en conta as dificultades e a situación na que se atopan as participantes no proxecto Arco da Vella III, os resultados son positivos, pois no 100% dos casos viuse mellorada a súa calidade de vida e a metade das mulleres atópanse nun proceso de desenvolvemento persoal e empoderamento que lles proporcionará as ferramentas para enfrontarse ás dificultades e superar obstáculas ben diferentes ás do punto de partida.