ProxectoDispositivo para a atención e acollida de mulleres vítimas de explotación sexual e trata.

Ano: 2018
Financia: Secretaría Xeral de Igualdade

A principal finalidade do Dispositivo é proporcionar ás mulleres que viven en contextos de prostitución e/ou son vítimas de trata de persoas con fin de explotación sexual un espazo para levar a cabo un proceso de recuperación persoal e de autonomía plena para lograr a súa integración social, cultural e laboral.

Acoller, protexer, dar seguridade e apoio profesional, proporcionar un fogar así como certa independencia económica é fundamental para abordar de xeito integral o proceso de recuperación e restablecemento das mulleres que viven esta situación.

O dispositivo DE EMERXENCIA e acollida

O Dispositivo de emerxencia e acollida é un inmoble de aluguer que se localiza nunha zona discreta da cidade de Santiago de Compostela. É importante salvagardar o seu enderezo así como mudalo cada certo tempo xa que está a disposición de mulleres que son ou nalgún momento foron vítimas de trata, das mafias ou de calquera outro delito relacionado coa prostitución e tamén daquelas que buscan unha vivenda de transición cara unha autonomía persoal.

O Dispositivo posibilita unha residencia temporal, onde as mulleres contan co tempo necesario para a súa recuperación emocional e de reflexión. Nese tempo trátase de potenciar os seus recursos persoais para afrontar situacións futuras, que sexan mulleres autónomas, independentes e capaces de elaborar un proxecto vital. Falamos dun lugar seguro no que poden residir por un período máximo de tres meses, prorrogable por outro período igual (máximo 6 meses), tendo sempre en conta excepcións valorando a situación persoal pola que pasa cada muller.

É fundamental destacar a importancia das relacións que se establecen no Dispositivo de acollida e emerxencia xa que, ao lograr un maior grao de interacción e achegamento, afóndase no coñecemento da situación de cada muller e do propio contexto no que se traballa.  Este feito permítenos, ademais de realizar unha intervención máis completa, identificar a posibles vítimas de trata.

Malia que na maior parte dos casos non hai denuncia, se seguimos a definición do Protocolo de Palermo citada anteriormente, un número moi elevado de mulleres son, efectivamente, vítimas de trata.

A ausencia de denuncias é explicada polas propias mulleres facendo referencia ao medo e á falta de garantías sobre a súa seguridade e a da súa familia tanto no país de orixe como no de destino. Este é o motivo polo que en moitos dos casos teñamos que empregar recursos e ferramentas legais e sociais diferentes aos que se empregan cando as mulleres teñen a condición recoñecida de “vítima de trata”.

ACTIVIDADES REALIZADAS

ACTIVIDADES LEVADAS A CABO NO DISPOSITIVO
ÁREA ACTIVIDADES
PERSOAL E SOCIAL  

·         Acollida

·         Empadroamento

·         Información e orientación para a  asistencia médica – Tarxeta sanitaria

·         Realización e seguimento dun proxecto persoal individualizado

·         Desenvolvemento de habilidades para a convivencia

·         Organización da vida diaria

·         Coñecementos de cultura xeral/contorna

·         Aproveitamento do lecer e o tempo libre

·         Acompañamentos trámites e xestións

·         Derivación/coordinación a/con outros recursos e/ou entidade

 

SAÚDE INTEGRAL

 

 

·         Educación para a saúde e a alimentación

·         Atención psicolóxica

·         Mediación e acompañamento para o acceso a tratamento médico e/ou psicolóxico

·         Seguimento e coordinación con outros servizos

FORMATIVA

LABORAL

 

·         Obradoiros prelaborais e ocupacionais no Centro da Muller- Vagalume

·         Acceso a cursos formativos independentemente da súa situación administrativa

·         Mediación e acompañamento para o acceso a recursos formativos e de emprego

·         Orientación e asesoramento laboral

 

XURÍDICA  

·         Información xurídica sobre asuntos penais, civís, administrativos preferentemente no ámbito da estranxeiría

·         Acompañamentos xurídicos e policiais.

·         Acompañamentos para a realización de trámites administrativos

·         Identificación de Vítimas de Trata con fins de explotación sexual

·         Información de dereitos e recursos a Vítimas de Trata con fins de explotación sexual.

·         Seguimento dos casos

·         Coordinación cos grupos operativos de estranxeiría UCRIF, Fiscalía, Xudicatura, avogada/o designada/o pola quenda de oficio

·         Formación ás mulleres en DD.HH, liberdades fundamentais, promoción da igualdade, etc.

 

O Dispositivo atendeu durante o ano 2018 a un total de 7 mulleres.

A falta de oportunidades nos países de orixe continúa a ser a principal causa do proxecto migratorio, intimamente ligado á prostitución e á trata de seres humanos con fins de explotación sexual.