PROXECTO: Dispositivo de acollida e emerxencia para a acollida de mulleres vítimas de explotación sexual e trata de seres humanos con fins de explotación sexual 

ANO: 2019 

FINANCIACIÓN: Secretaría Xeral de Igualdade  

O Dispositivo ten como principal finalidade proporcionar, ás mulleres que viven en contextos de prostitución e/ou son vítimas de trata de persoas con fin de explotación sexual, un espazo seguro para levar a cabo un proceso de recuperación persoal e de autonomía plena para acadar a súa integración persoal, social, cultural e laboral-formativa. 

Acoller, protexer, dar seguridade, apoio profesional así como proporcionar un fogar e certa independencia económica é fundamental para abordar de xeito integral o proceso de recuperación e restablecemento das mulleres que viven nesta situación.  

O Dispositivo de EMERXENCIA e Acollida. 

O Dispositivo de emerxencia e acollida é un inmoble de aluguer que se localiza nunha zona discreta da cidade de Santiago de Compostela. É importante salvagardar o seu enderezo así como mudalo cada certo tempo xa que está a disposición de mulleres que son ou nalgún momento foron vítimas de trata, das mafias ou de calquera outro delito relacionado coa prostitución e tamén daquelas que buscan unha vivenda de transición cara unha autonomía persoal. 

O Dispositivo posibilita unha residencia temporal, onde as mulleres contan co tempo necesario para a súa recuperación emocional e de reflexión. Nese tempo trátase de potenciar os seus recursos persoais para afrontar situacións futuras, que sexan mulleres autónomas, independentes e capaces de elaborar un proxecto vital. Falamos dun lugar seguro no que poden residir por un período máximo de tres meses, prorrogable por outro período igual (máximo 6 meses), tendo sempre en conta excepcións valorando a situación persoal pola que pasa cada muller. 

É fundamental destacar a importancia das relacións que se establecen no Dispositivo de acollida e emerxencia xa que, ao lograr un maior grao de interacción e achegamento, afóndase no coñecemento da situación de cada muller e do propio contexto no que se traballa.  Este feito permítenos, ademais de realizar unha intervención máis completa, identificar a posibles vítimas de trata. 

Malia que na maior parte dos casos non hai denuncia, se seguimos a definición do Protocolo de Palermo, un número moi elevado de mulleres son, efectivamente, vítimas de trata. 

“Protocolo de Palermo” no seu artigo 3, define a trata de persoas como “a captación, o transporte, o traslado, a acollida e a recepción de persoas, recorrendo á ameaza ou ao uso da forza ou outras formas de coacción, ao rapto, ao fraude, ao engano, ao abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade ou a concesión ou recepción de pagos ou beneficios para obter o consentimento dunha persoa que teña autoridade sobre outra, con fins de explotación. A explotación inclúe como mínimo, a derivada da prostitución e doutras formas de explotación sexual, traballos ou servizos forzados, escravitude ou prácticas similares, servidume e extracción de órganos”. 

ausencia de denuncias é explicada polas propias mulleres facendo referencia ao medo e á falta de garantías sobre a súa seguridade e a da súa familia tanto no país de orixe como no de destino. Este é o motivo polo que en moitos dos casos teñamos que empregar recursos e ferramentas legais e sociais diferentes aos que se empregan cando as mulleres teñen a condición recoñecida de “vítima de trata”. 

 

ACTIVIDADES LEVADAS A CABO NO DISPOSITIVO 
ÁREA  ACTIVIDADES 
 

PERSOAL E SOCIAL 

 

  • Acollida 
  • Empadroamento 
  • Información e orientación para a  asistencia médica – Tarxeta sanitaria 
  • Realización e seguimento dun proxecto persoal individualizado 
  • Desenvolvemento de habilidades para a convivencia 
  • Organización da vida diaria 
  • Coñecementos de cultura xeral/contorna 
  • Aproveitamento do lecer e o tempo libre 
  • Acompañamentos trámites e xestións 
  • Derivación/coordinación a/con outros recursos e/ou entidade 
 

SAÚDE INTEGRAL 

 

 

  • Educación para a saúde e a alimentación 
  • Atención psicolóxica 
  • Mediación e acompañamento para o acceso a tratamento médico e/ou psicolóxico 
  • Seguimento e coordinación con outros servizos 
FORMATIVA 

 

LABORAL 

 

  • Obradoiros prelaborais e ocupacionais no Centro da Muller- Vagalume 
  • Acceso a cursos formativos independentemente da súa situación administrativa 
  • Mediación e acompañamento para o acceso a recursos formativos e de emprego 
  • Orientación e asesoramento laboral. Creación de itinerario individualizado de busca de emprego.  

 

XURÍDICA   

  • Información xurídica sobre asuntos penais, civís, administrativos preferentemente no ámbito da estranxeiría 
  • Acompañamentos xurídicos e policiais. 
  • Acompañamentos para a realización de trámites administrativos 
  • Identificación de Vítimas de Trata con fins de explotación sexual 
  • Información de dereitos e recursos a Vítimas de Trata con fins de explotación sexual. 
  • Seguimento dos casos 
  • Coordinación cos grupos operativos de estranxeiría UCRIF, Fiscalía, Xudicatura, avogada/o designada/o pola quenda de oficio 
  • Formación ás mulleres en DD.HH, liberdades fundamentais, promoción da igualdade, etc. 

 

O Dispositivo atendeu durante o ano 2019 a un total de 12 mulleres. 

Na súa totalidade de orixe estranxeiro procedentes de países de América do sur ( Brasil, Colombia, Venezuela, Paraguai, Nicaragua) e do continente africano (Nixeria). 

A falta de oportunidades nos países de orixe continúa a ser a principal causa do proxecto migratorio, intimamente ligado á prostitución e á trata de seres humanos con fins de explotación sexual.