PROXECTO: Dispositivo de acollida e emerxencia para a acollida de mulleres vítimas de explotación sexual e trata de seres humanos con fins de explotación sexual
ANO: 2020
FINANCIACIÓN: Secretaría Xeral de Igualdade
O Dispositivo ten como principal finalidade proporcionar, ás mulleres que viven en contextos de prostitución e/ou son vítimas de trata de persoas con fin de explotación sexual, un espazo seguro para levar a cabo un proceso de recuperación persoal e de autonomía plena para acadar a súa integración persoal, social, cultural e laboral-formativa.
Acoller, protexer, dar seguridade, apoio profesional así como proporcionar un fogar e certa independencia económica é fundamental para abordar de xeito integral o proceso de recuperación e restablecemento das mulleres que viven nesta situación.
O Dispositivo de EMERXENCIA e Acollida.
O Dispositivo de emerxencia e acollida é un inmoble de aluguer que se localiza nunha zona discreta da cidade de Santiago de Compostela. É importante salvagardar o seu enderezo así como mudalo cada certo tempo xa que está a disposición de mulleres que son ou nalgún momento foron vítimas de trata, das mafias ou de calquera outro delito relacionado coa prostitución e tamén daquelas que buscan unha vivenda de transición cara unha autonomía persoal.
O Dispositivo posibilita unha residencia temporal, onde as mulleres contan co tempo necesario para a súa recuperación emocional e de reflexión. Nese tempo trátase de potenciar os seus recursos persoais para afrontar situacións futuras, que sexan mulleres autónomas, independentes e capaces de elaborar un proxecto vital. Falamos dun lugar seguro no que poden residir por un período máximo de tres meses, prorrogable por outro período igual (máximo 6 meses), tendo sempre en conta excepcións valorando a situación persoal pola que pasa cada muller.
É fundamental destacar a importancia das relacións que se establecen no Dispositivo de acollida e emerxencia xa que, ao lograr un maior grao de interacción e achegamento, afóndase no coñecemento da situación de cada muller e do propio contexto no que se traballa. Este feito permítenos, ademais de realizar unha intervención máis completa, identificar a posibles vítimas de trata.
Malia que na maior parte dos casos non hai denuncia, se seguimos a definición do Protocolo de Palermo, un número moi elevado de mulleres son, efectivamente, vítimas de trata.
“Protocolo de Palermo” no seu artigo 3, define a trata de persoas como “a captación, o transporte, o traslado, a acollida e a recepción de persoas, recorrendo á ameaza ou ao uso da forza ou outras formas de coacción, ao rapto, ao fraude, ao engano, ao abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade ou a concesión ou recepción de pagos ou beneficios para obter o consentimento dunha persoa que teña autoridade sobre outra, con fins de explotación. A explotación inclúe como mínimo, a derivada da prostitución e doutras formas de explotación sexual, traballos ou servizos forzados, escravitude ou prácticas similares, servidume e extracción de órganos”.
A ausencia de denuncias é explicada polas propias mulleres facendo referencia ao medo e á falta de garantías sobre a súa seguridade e a da súa familia tanto no país de orixe como no de destino. Este é o motivo polo que en moitos dos casos teñamos que empregar recursos e ferramentas legais e sociais diferentes aos que se empregan cando as mulleres teñen a condición recoñecida de “vítima de trata”.
CTIVIDADES LEVADAS A CABO NO DISPOSITIVO | |
ÁREA |
ACTIVIDADES |
PERSOAL E SOCIAL |
|
SAÚDE INTEGRAL
|
|
FORMATIVA
/ LABORAL |
|
XURÍDICA |
|
O Dispositivo atendeu durante o ano 2020 a un total de 9 mulleres.
Na súa totalidade de orixe estranxeiro procedentes de países de América do sur (Brasil, Colombia e Venezuela) e de Europa do Leste (Rumanía).
Dende unha perspectiva global, tendo en conta o contexto socio-económico do que partíamos sumado as situacións de extrema vulnerabilidade que a Covíd19 desencadeou, moitas mulleres en contextos de prostitución están a vivir verdadeiras dificultades para facer fronte aos pagos de aluguer e/ou cubrir necesidades básicas; o Programa Vagalume considera máis que nunca fundamental o mantemento e reforzo de ferramentas tales como o Dispositivo de Emerxencia e Acollida.
A falta de oportunidades nos países de orixe continúa a ser a principal causa do proxecto migratorio, intimamente ligado á prostitución e á trata de seres humanos con fins de explotación sexual.