Proxecto: ARCO DA VELLA V, Atención integral dirixido a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia 2020.
Ano: 2020
Financia: Fondo Social Europeo e Secretaría Xeral de Igualdade (Xunta de Galica).

 

logo secretaría xeral igualdadedescarga (1)

 

 

 

 

 

No marco do proxecto Arco da Vella V realízanse diferentes actuacións co fin de acadar os obxectivos específicos previamente establecidos. As accións aglutínanse en 5 áreas de intervención: atencións iniciais (acollidas), asesoramento social, atención psicolóxica, asesoramento xurídico e orientación, información e formación no eido pre/laboral. A través dun enfoque integral e seguindo as liñas e principios fundamentais da entidade, que busca dar apoio, ofrecer acompañamento e potenciar o desenvolvemento persoal e a autonomía de cada muller. Tódalas actuacións que a continuación se describen sufriron modificacións e foron adaptadas ao contexto socio-sanitario derivado da Covid19.
– ATENCIÓN INICIAL, ACOLLIDA. No marco do proxecto tiveron lugar 101 atencións iniciais, na súa maioría as participantes acudiron por iniciativa persoal (a raíz da difusión no traballo de rúa ou ben na difusión entre as propias mulleres e o posicionamento da entidade como lugar de referencia). Por outra banda, a coordinación coas autoridades e outros recursos facilita o acceso das mulleres ao recurso. Recibíronse 9 casos derivados dos servizos sociais e outras entidades e 7 casos derivados directamente pola CNP.
– ASESORAMENTO SOCIAL. Esta área engloba dende o asesoramento e a información social até o acompañamento en trámites, empadroamento, tarxeta sanitaria, seguimentos periódicos, coordinación con servizos sociais e outras entidades, mediación e derivacións,… Actuacións de vital importancia para garantir o acceso a dereitos fundamentais, xa que o descoñecemento e ausencia de información implica en moitos casos barreiras que as afastan dos recursos.No transcurso do proxecto, o 100% das mulleres contaron con asesoramento social, garantindo así o seu acceso a dereitos e aos recursos sociais, tales como axudas económicas, bonobús, bonos socias luz/auga, axudas ao aluguer…). Durante o estado de alarma priorizouse a tención telefónica, 81 mulleres recibiron asesoramento social a través deste medio. Foi fundamental este intervención para garantir a cobertura das necesidades básicas e o acceso a dereitos e recursos.Garantiuse, durante a execución do proxecto o acceso a atención sanitaria para máis de 15 mulleres en situación administrativa irregular a través do Programa Galego de Protección da Saúde Pública. Seguindo a liña de traballo, realizáronse múltiples acompañamentos físicos, previa solicitude das participantes, debido ao descoñecemento a inseguridade ou ao medo, dependendo das circunstancias, especialmente en primeiras citas e/ou entrevistas. Como en anteriores anos, dentro desta área continuouse coa elaboración e seguimento de proxectos persoais, con aquelas participantes que decidiron iniciar un proceso alternativo a prostitución. Máis de 25 mulleres realizaron un proxecto persoal (con seguimento telefónico durante o estado de alarma), onde a maioría dos obxectivos foron acadados e onde outros continúan en proceso.
– ATENCIÓN PSICOLÓXICA. Esta actuación posibilita de xeito salientable o avance no proceso de recuperación, tanto física como emocional e resiliencia das mulleres participantes que viven as consecuencias de ter sido vítimas dun delito de TSH e/ou haber vivido no círculo prostitucional. Lévase a cabo a través de dúas actividades: a atención psicolóxica individualizada e un GAM (Grupo de Axuda Mútua).
Prestouse atención psicolóxica individualizada arredor de 40 mulleres. Durante os meses de confinamento a atención e o seguemento das participantes realizouse de xeito telemático. O GAM traballa na promoción da saúde e na prevención de posibles trastornos mentais derivados das situacións traumáticas vividas. Para elo realizáronse obradoiros e sesións de debate/reflexión sobre afectividade e sexualidade, benestar emocional, relacións interpersonais saudables, conciencia corporal, autocoidado e desenvolvemeto persoal. Durante o período vixente do proxecto pasaron polo GAM 17 mulleres. Salientar que tiveron lugar, durante o estado de alarma, 21 atencións en crise.
– ASESORAMENTO XURÍDICO. Para as mulleres que son/foron vítimas de TSH con fins de explotacións sexual é de vital importancia para o seu restablecemento contar cunha orientación socio-xurídica de calidade, apoio e xestión básica de trámites, información sobre dereitos e acceder a entidades específicas que leven a cabo a identificación e asistencia a mulleres vítimas de TSH. Acudiron a asesoría xurídica sobre 80 mulleres (tendo en conta aquelas atencións realizadas telemáticamente das que foi imposible rexistrar á participante durante o estado de alarma dadas as restricións de movilidade); con solicitudes de diversa índole. Destacan demandas relacionadas co dereito civil, non obstante continúan en aumento as vinculadas ao proceso de regularización administrativa e nacionalidade; pola Covida19 apareceron consultas específicas sobre novas leis, prazos, realización de trámites ante a nova situación…Tiveron un acompañamento directo durante o proceso xudicial 7 mulleres VTSH con fins de explotación sexual.
– ORIENTACIÓN E ASESORAMENTO LABORAL. FORMACIÓN. Resulta fundamental a inserción socio-laboral para acadar unha vida autónoma e a inclusión real no sistema.
A través desta actuación ofrecéuselle as participantes unha formación laboral e prelaboral de calidade, asesoramento e orientación laboral individualizada para posibilitar, a medio e longo prazo ( é preciso ter en conta que a maioría das participantes están en situación administrativa irregular) que as mulleres conten coa información, recursos e ferramentas necesarias para, no momento en que poidan entrar nos recursos normalizados, inicien unha busca de emprego activa con posibilidades reais e xustas.
Leváronse a cabo obradoiros formativos sobre motivación, activación e ferramentas cara a emprego, habilidades comunicativas e sociais, técnicas de búsqueda de emprego, formación básica en igualdade e prevención das violencias machistas…así como atencións individualizadas. Participaron unha media de 15 mulleres.
Tras os meses de confinamento (marzo a xuño) os obradoiros quedaron suspendidos. Neste ámbito a crise sanitaria tivo dobre cara, moitas mulleres durante o estado de alarma perderon o traballo, sen embargo aumentou o número de mulleres buscando unha alternativa a prostitución, xa que esta deixou de ser fonte de ingresos.
No marco do proxecto, na nova normalidade, tendo en conta as medidas hixienico-sanitarias e de aforo, levouse a cabo un curso profesionalizante de Coidadora de persoas dependentes con 11 participantes, ao igual que outro de desenvolvemento persoal con 7 participantes.A atención individualizada acudiron sobre 35 participantes, das cais en torno a un 50% realizaron un itinerario individualizado de emprego e das que un 20% acadaron un emprego. Do mesmo xeito foron derivadas a programas de emprego específico e formativo aproximadamente 20mulleres.

CONCLUSIÓNS:
No ano 2020, ás vulnerabilidades xa presentes nas mulleres en contextos de prostitución e/ou Vítimas de TSH con fins de explotación sexual, súmanse outras derivadas directamente da crise sanitaria provocada pola Covid19. Entre elas destacar, a dificultade para cubrir necesidades básicas (alimentación, hixiénico-sanitarias, aloxamento, pago de alugueres, luz, auga…), o aumento de prácticas de risco tanto polo descenso de clientes como pola necesidade económica a que están sometidas, o aumento da psicopatoloxía asociada ao medo, ansiedade, incertidume e descoñecemento da situación familiar en orixe; así como, a maior dificultade de identificación e/ou detención de vítimas de TSH con fins de explotación sexual, xa que, co estado de alarma se intensifica o illamento das mulleres, especialmente en pisos.
Por todo o mencionado, as actuacións do proxecto Arco da Vella V, continúan a ser fundamentais para poder dar resposta ás necesidades e demandas das participantes, ofrecendo unha actuación individualizada e con enfoque integral.
Destacar que as actuacións levadas a cabo durante o estado de alarma e, posteriormente ante a nova normalidade, viviron as modificacións precisas para adaptarse as medidas de traballo que así foron recomendadas e evitar, dentro do posible, a propagación do virus. Durante os meses de confinamento priorizouse a atención telefónica, non obstante o centro físico sempre permaneceu aberto para aquelas situacións que non se podían resolver telemáticamente.
Salientar que o número de beneficiarias das actuacións enmarcadas neste proxecto é maior que as fichas individuais asinadas, posto que se ofreceu asesoramento, acompañamento telefónico e derivación a recursos a moitas que, dadas as restricións non puideron acudir ao centro.
Destacar a boa coordinación tanto con Servizos Sociais como con outros recursos e/ou entidades para dar cobertura ás necesidades.
No marco do proxecto, máis do 90% das mulleres accederon a dereitos sociais, prácticamente o 50% recibiron formación laboral ou prelaboral e máis do 40% recibiron atención psicolóxica e/ou xurídica.
Ante os bos resultados en canto a mulleres beneficiarias e intervencións, derivacións, debemos salientar a versatilidade coa que o proxecto fixo fronte as diferentes circunstancias que se foron dando. Non cesando en ningún momento a atención integral telemática e/ou presencial. Os resultados son positivos, pois no 100% dos casos, entre as participantes rexistradas, a súa calidade de vida veuse mellorada e a metade das mulleres atópase nun proceso de desenvolvemento persoal e empoderamento que as dotará das ferramentas necesarias para continuar superando dificultades e loitar contra a incertidume social e sanitaria que estamos a vivir e que afecta de xeito máis dramático as mulleres en prostitución.