Qué facemos

Proxecto psicoeducativo e familiar

psico portadaEste servizo abre as súas portas no ano 1999, desde entón foise adaptando para dar resposta ás dificultades familiares, creando espazos e servizos novos.

A nosa finalidade é a promoción da autonomía familiar, o desenvolvemento integral das súas potencialidades e a súa participación activa como protagonistas do seu cambio, a partir dun proceso co-construído coas familias, as profesionais, etc.

Partimos de considerar á familia como núcleo básico e esencial da sociedade para o normal desenvolvemento dos nenos e nenas e a protección nun sentido amplo que inclúe todas as actuacións dirixidas a potenciar a función protectora e de afecto das familias, incidindo especialmente nas que presenta maior vulnerabilidade. Trátase de apoiar ás familias para a consecución dun adecuado nivel de funcionamento e autonomía potenciando os seus propios recursos e o desempeño eficaz de roles.

Desenvolvemos programas especializados de prevención e de intervención familiar con nenos, nenas e adolescencia en situación de risco, e coas súas familias.

OBXECTIVOS
  • Orientar e atender de forma psicosocial, tanto ás crianzas como o seu grupo familiar, adaptando a metodoloxía de intervención (individual, grupal ou familiar) ás característica de cada situación.
  • Manter e fortalecer a convivencia das nenas e nenos coa súa familia e intervir para axudar a cambiar as circunstancias de risco existentes.
  • Desenvolver actividades e proxectos psicosocioeducativos, coas nenas, nenos e adolescencia, para fortalecer e mellorar tanto o seu desenvolvemento como favorecer a súa integración social e educativa.
  • Colaborar cos Servizos Sociais e traballo en rede con outras institucións e recursos con obxecto da optimización de todos os elementos da rede.
SERVIZOS DO PROXECTO PSICOEDUCATIVO E FAMILIAR

A. Orientación Psicofamiliar

Destinado a familias en dificultade dentro do seu núcleo familiar. Neste servizo trátase de dar unha orientación especializada que permita a todo o sistema familiar (pai, nai, fillo, filla, etc) facer os axustes necesarios para reducir conflitos e restablecer o bo funcionamento familiar.

B. Proxecto VincúlaT

A través dunha atención especializada trátase de restablecer e/ou mellorar o vínculo paterno/materno-filial cando está deteriorado por algunha circunstancia específica: afastamento prolongado, situacións de tensión familiar continua, divorcio, etc.

C. Apoio Emocional á infancia e adolescencia

Destinado a nenos, nenas ou adolescentes en dificultade. Espazo terapéutico onde o e a menor pode expresar as súas emocións (medo, rabia, ira…) dunha forma segura, e así aprender a coñecerse, aceptarse, respectarse e mesmo chegar a resolver, a través dun ambiente facilitador, as súas dificultades.

D. Talleres socioeducativos e terapéuticos

A través dun espazo psicosocioeducativo trátase de abrir novos camiños a nenos, nenas e adolescentes nos que predomina o fracaso escolar, os problemas de comportamento e/ou a falta de motivación con obxecto de que descubran ou melloren potencialidades, capacidades e/ou habilidades. Todo iso realizaríase a través de diferentes talleres e/ou actividades: de reforzo escolar, educativos e habilidades persoais.