Un ano máis o Programa Vagalume adhírese á  campaña EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS .  Esta é unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde no 2015 en Santiago de Compostela, co impulso da Administración local, e que ano tras ano foi medrando, involucrando a máis concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de xeito viral mesmo fóra de Galicia. Aínda que está latente durante todo ou ano, é sobre todo no mes de novembro, e no 25N –Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller–, cando a acción desprega a súa actividade de forma máis intensa.

Dende o seu inicio buscouse implicar o tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e mais dos asasinatos machistas.

Tamén se apostou por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, empresas, establecementos comerciais e axentes sociais.

Os obxectivos da campaña son:

Obxectivo xeral: desenvolver e xerar accións para a sensibilización e prevención da violencia de xénero na nosa sociedade.

Obxectivos específicos:

  1. Promover actitudes e comportamentos non violentos e de rexeitamento ante todo tipo de violencia.
  2. Desenvolver na sociedade a capacidade para percibir situacións de abuso ou malos tratos en todos os ámbitos sociais, incluído o laboral.
  3. Sensibilizar e promover a participación das empresas na prevención da violencia cara ás mulleres.
  4. Promover comportamentos positivos cara ás mulleres construíndo relacións de xénero en equidade.
Aquí podes ver o despregable que realizou o Concello de Compostela.
IR A LA WEB DE LA CAMPAÑA