Dende o 2016 o proxecto Arco da Vella, en tódalas súas edicións, procura acadar os obxectivos específicos previamente establecidos a través de diversas accións aglutinadas en 5 áreas de intervención: atencións iniciais (acollidas), asesoramento social, atención psicolóxica, asesoramento xurídico e orientación, información e formación no eido pre/laboral. Todas elas atravesadas por enfoque de xénero e dereitos, que buscan dar apoio, ofrecer acompañamento e potenciar o desenvolvemento persoal e a autonomía das participantes.

– ATENCIÓN INICIAL, ACOLLIDA. No marco do proxecto tiveron lugar 122 atencións iniciais, na súa maioría as participantes acudiron por iniciativa persoal (a raíz da difusión no traballo de rúa ou ben na difusión entre as propias mulleres e o posicionamento da entidade como lugar de referencia). Por outra banda, a coordinación coas autoridades e outros recursos facilita o acceso das mulleres á entidade. Recibíronse 12 casos derivados dos servizos sociais e outras entidades e 2 casos derivados directamente pola CNP.

– ASESORAMENTO SOCIAL. Esta área engloba dende o asesoramento e a información social até o acompañamento en trámites, empadroamento, tarxeta sanitaria, seguimentos periódicos , coordinación con servizos sociais e outras entidades, mediación e derivacións,… Actuacións de vital importancia para garantir o acceso a dereitos fundamentais, xa que o descoñecemento e ausencia de información implica en moitos casos barreiras que as afastan dos recursos.
No transcurso do proxecto, o 100% das mulleres contaron con asesoramento social, garantindo así o seu acceso a dereitos e aos recursos sociais, tales como axudas económicas, bonos sociais luz/auga, axudas ao aluguer…. e mesmo a espazos de conciliación e lecer.
Garantiuse, durante a execución do proxecto o acceso a atención sanitaria para máis de 25 mulleres en situación administrativa irregular a través do Programa Galego de Protección da Saúde Pública.
Así mesmo, notouse un incremento das solicitudes de apoio en trámites virtuais, xa que a crise sanitaria deixou pegada nas administración dificultando a atención presencial e o acceso a dereitos debido á brecha tecnolóxica. Seguindo a liña de traballo, realizáronse diversos acompañamentos físicos, previa solicitude das participantes, debido ao descoñecemento, a inseguridade ou ao medo, dependendo das circunstancias, especialmente en primeiras citas e/ou entrevistas.
Nesta área continuouse coa elaboración e seguimento de proxectos persoais, con aquelas participantes que decidiron iniciar un proceso alternativo á prostitución. Preto de 35 mulleres realizaron un proxecto persoal, onde a maioría dos obxectivos foron acadados e onde outros continúan en proceso malia a finalización do proxecto, xa que dependen de datas administrativas.

– ATENCIÓN PSICOLÓXICA. Esta actuación posibilita o avance no proceso de recuperación, tanto física como emocional e resiliencia das mulleres participantes que viven as consecuencias de ter sido vítimas dun delito de TSH e/ou ter vivido no círculo prostitucional. Lévase a cabo a través de dúas actividades: a atención psicolóxica individualizada e un GAM (Grupo de Axuda Mútua).
Prestouse atención psicolóxica individualizada a máis de 40 mulleres.
O GAM traballa na promoción da saúde e na prevención de posibles trastornos mentais derivados das situacións traumáticas vividas. Para isto realizáronse obradoiros e sesións de debate/reflexión sobre afectividade e sexualidade, benestar emocional, relacións interpersonais saudables, conciencia corporal, autocoidado e desenvolvemeto persoal. Durante o período vixente do proxecto pasaron polo GAM 23 mulleres.

– ASESORAMENTO XURÍDICO. Para as mulleres que son/foron vítimas de TSH con fins de explotacións sexual é de vital importancia para o seu restablecemento contar cunha orientación socio-xurídica de calidade, apoio e xestión básica de trámites, información sobre dereitos e acceder a entidades específicas que leven a cabo a identificación e asistencia a mulleres vítimas de TSH.
Acudiron a asesoría xurídica máis de 65 mulleres con solicitudes de diversa índole. Destacan demandas relacionadas co dereito civil, non obstante continúan en aumento as vinculadas ao proceso de regularización administrativa e nacionalidade; …Tiveron un acompañamento directo durante o proceso xudicial 10 mulleres VTSH con fins de explotación sexual ou vítimas de explotación sexual.

– ORIENTACIÓN E ASESORAMENTO LABORAL. FORMACIÓN. Resulta fundamental a inserción socio-laboral para acadar unha vida autónoma e a inclusión real no sistema.
A través desta actuación ofrecéuselle ás participantes unha formación laboral e prelaboral de calidade, asesoramento e orientación laboral individualizada para posibilitar, a medio e longo prazo ( é preciso ter en conta que a maioría das participantes están en situación administrativa irregular) que as mulleres conten coa información, recursos e ferramentas necesarias para, no momento en que poidan entrar nos recursos normalizados, inicien unha busca de emprego activa con posibilidades reais e xustas.
Leváronse a cabo obradoiros formativos sobre motivación, activación e ferramentas cara a emprego, habilidades comunicativas e sociais, técnicas de busca de emprego, formación básica en igualdade e prevención das violencias machistas…así como atencións individualizadas. Participaron unha media de 13 mulleres.
Dados os bos resultados do ano anterior, levouse a cabo un curso profesionalizante de Cociña con 10 participantes , outro de coidados no fogar e un de limpeza de superficies con 10 e 14 participantes respectivamente.
A atención individualizada acudiron sobre 45 participantes, das que en torno a un 60% realizaron un itinerario individualizado de emprego e das que un 25% accederon ao mercado laboral. Do mesmo xeito foron derivadas a programas de emprego específico e formativo aproximadamente 25 mulleres.