Proxecto: ARCO DA VELLA, Atención integral dirixido a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia 2023
Ano: 2023
Financia: Fondo Social Europeo e Secretaría Xeral de Igualdade (Xunta de Galicia).
Durante a execución do proxecto Arco da Vella dende o 2016 foron atendidas preto de 3500 mulleres. Entre estas atencións compútanse as mulleres atendidas e/ou informadas en traballo de rúa e aquelas que recibiron atención xurídica, psicolóxica, social ou laboral e as usuarias do centro da muller onde se imparte formación de diversa índole e se prestan os servizos mencionados. Nomeadamente vinculadas ao Proxecto Arco da Vella (2022) foron atendidas 126 mulleres das que o máis do 75% recibiron ou están a recibir unha atención integral. No marco do proxecto, máis do 90% das mulleres accederon a dereitos sociais, practicamente o 50% recibiron formación laboral ou prelaboral e máis do 50% recibiron atención psicolóxica e/ou xurídica.
Ás actuacións do proxecto Arco da Vella , continúan a ser fundamentais para poder dar resposta ás necesidades e demandas das participantes, ofrecendo unha actuación individualizada e con enfoque integral.
Salientar que o número de beneficiarias das actuacións enmarcadas no proxecto do 2022 foi maior que o rexistro, posto que se ofreceu asesoramento, acompañamento telefónico e derivación a recursos a moitas que, finalmente non quedaron rexistradas polas dificultades de desprazarse ao centro físicamente.
Ante os bos resultados en canto a mulleres beneficiarias, intervencións e derivacións, debemos salientar a versatilidade coa que o proxecto segue a facer fronte ás diferentes circunstancias que se foron dando. Non cesando en ningún momento a atención integral telemática e/ou presencial. Os resultados foron positivos, pois no 100% dos casos, entre as participantes rexistradas, a súa calidade de vida viuse mellorada e a metade das mulleres atópanse nun proceso de desenvolvemento persoal e empoderamento que as dotará das ferramentas necesarias para continuar superando dificultades e iniciar un proxecto de vida fóra da prostitución.
Durante a execución do proxecto no 2023 as actuacións que se levarán a cabo son:
- Atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades competentes. Acollida.
- Asesoramento social, apoio directo, atención, información e asesoramento continuada.
- Atención psicolóxica.
- Asesoramento xurídica.
- Orientación e asesoramento laboral. Formación.
Vinculadas á consecución dos seguintes obxectivos:
- Proporcionar a todas as mulleres en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata con fins de explotación sexual, derivadas ou non das autoridades competentes unha atención inicial de calidade.
- Ofrecer un asesoramento social de calidade ás participantes incidindo no apoio directo, acompañamento e seguimento do proxecto persoal de cada unha que lles permita o acceso a recursos e garanta os seus dereitos fundamentais.
- Ofrecer ás participantes unha atención psicolóxica profesional, de calidade e a longo prazo que repercuta de maneira positiva nos seus procesos de recuperación persoal e lles permita acadar autonomía e seguridade.
- Proporcionar ás participantes asesoramento xurídico profesional e de calidade sobre os seus dereitos e deberes así como para a tramitación de procedementos administrativos de diversa índole que incidirán na procura dunha mellor calidade de vida.
- Dotar ás participantes das ferramentas necesarias para poder iniciar un proceso de busca de emprego eficaz a través de obradoiros formativos prelaborais, orientación e asesoramento laboral.