http://www.ennegrocontraaviolencia.gal/

O Programa Vagalume participa na campaña En negro contra a violencia promovida polo Concello de Santiago de Compostela.

“O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de mais de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella, un 26% violencia psicolóxica de control —ciumes, control de horarios e actividades etc.— e un 20% violencia psicolóxica emocional —insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc—.  No que vai de ano 2 mulleres foron asasinadas en Galicia (Ana Gómez Nieto o 12/02/16 en Becerreá, Lugo e Tatiana Vázquez Abuín o 10/04/16 en Lugo) e 46 en España.

Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, o ano pasado, o Concello de Santiago puxo en marcha a campaña de sensibilización “Compostela, en Negro”, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma.

A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

Partindo desta boa práctica, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social desta campaña, este ano, dezaseis concellos galegos decidimos unir os nosos esforzos para desenvolver conxuntamente a campaña de sensibilización “En negro, contra a violencia”.

En vésperas do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, a través desta iniciativa, os concellos de A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Compostela, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas queremos situar na axenda política, con contundencia e para sempre, a loita contra as violencias machistas.

Ao marxe da repercusión e impacto que poida ter esta campaña, consideramos xa de antemán como un gran éxito compartido o feito de que, por primeira vez, concellos tan diversos, e de diferentes cores políticas, esteamos traballando en rede contra as violencias machistas e a prol da igualdade das mulleres. Do 18 ao 28 de novembro todas e todos en negro, contra a violencia.”