Proxecto: ARCO DA VELLA VI, Atención integral dirixido a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, na Comunidade Autónoma de Galicia 2021.

Ano: 2021
Financia: Fondo Social Europeo e Secretaría Xeral de Igualdade (Xunta de Galica).

 

SXIdescarga (1)

 

 

 

 

 

As Nacións Unidas calculan que, ao ano, uns catro millóns de mulleres e nenas son vítimas de trata con fins de explotación sexual mentres que a OIM (Organización Internacional para as Migracións) advirte que cerca de cen mil mulleres e nenas entran en Europa anualmente como vítimas de trata con fins de explotación sexual.

Na actualidade, a explotación sexual e a trata de persoas con fins de explotación sexual está recoñecida como unha auténtica escravitude moderna, un fenómeno que dana fondamente a dignidade humana dende o momento en que limita a capacidade das vítimas de autodeterminarse e construír proxectos de vida propios.

A gran maioría das vítimas son mulleres, calquera interpretación ou intervención sobre este fenómeno ha de ter en conta a perspectiva de xénero. Ao igual que outras formas de violencia contra as mulleres, caracterízase por unha relación de dominación dun sexo sobre o outro, que ten as súas orixes nos valores tradicionais do patriarcado, que asigna roles diferentes a mulleres e homes dende o momento do nacemento. Ademais, estamos ante  fenómenos multidimensionais e, por tanto, con diversas causas.

As causas principais son a difícil situación económica e política do país de orixe, a feminización da pobreza e a emigración ou a proliferación de redes de trata transnacionais. Ademais, as vítimas destes crimes soen ser persoas cun grao de vulnerabilidade moi elevado. O grupo con maior risco de converterse en vítima é o de mulleres e nenas con niveis de escolarización baixos, necesidades básicas insatisfeitas ou ben, aquelas que van na busca dunha mellor situación económica en contextos de gran precariedade.

Malia estar falando dun fenómeno a escala mundial non debemos esquecer a realidade concreta de España e, concretamente, de Galicia. España sitúase como principal receptor de mulleres vítimas destes fenómenos. Por exemplo, os informes “Trata de seres humanos con fins de explotación sexual” publicados anualmente pola Garda Civil dende 1999, estiman en 18.000 o número de mulleres estranxeiras vítimas deste delito, se ben a propia Garda Civil recoñece que o número de casos identificados non representa nin a metade dos existentes. A Rede Española contra Trata de persoas que agrupa a 24 ONGs, eleva a entre 40.000 e 50.000 as mulleres explotadas no noso país.

As mulleres vítimas de explotación e trata en España son, en máis do 95%, estranxeiras, e localízanse por toda xeografía española. Das súas nacionalidades despréndense tres orixes básicos: Romanía (no caso das europeas), Nixeria (para as africanas) e Brasil, Colombia, República Dominicana, Paraguai e Venezuela (para as latinoamericanas) . Outro elemento que está a converter a trata de mulleres con fins de explotación sexual en España nun fenómeno cada vez máis preocupante é a xuventude das mulleres, dos 23 aos 32 anos, incluso as ONGs alertan de que o 1% das vítimas poderían ser menores de idade. Galicia, referente aos datos das mulleres vítimas de explotación sexual e trata, segue a mesma liña que o resto do Estado.

No caso de Vagalume – CÁRITAS durante a execución do Arco da Vella dende o 2016 foron atendidas  preto de 3.200 mulleres. Entre estas atencións compútanse as mulleres atendidas e/ou informadas en traballo de rúa e aquelas que recibiron atención xurídica, psicolóxica, social  ou laboral e as usuarias do centro da muller onde se imparte formación de diversa índole e se prestan os servizos mencionados. Nomeadamente vinculadas ao Proxecto Arco da Vella (2020)  foron atendidas 101 mulleres das que o máis do 70% recibiron ou están a recibir unha atención integral. No marco do proxecto, máis do 90% das mulleres accederon a dereitos sociais, practicamente o 50% recibiron formación laboral ou prelaboral e máis do 40% recibiron atención psicolóxica e/ou xurídica.

No ano 2020, ás vulnerabilidades xa presentes nas mulleres en contextos de prostitución e/ou Vítimas de TSH con fins de explotación sexual, súmanse outras derivadas directamente da crise sanitaria provocada pola Covid19. Entre elas destacar, a dificultade para cubrir necesidades básicas (alimentación, hixiénico-sanitarias, aloxamento, pago de alugueres, luz, auga…), o aumento de prácticas de risco tanto polo descenso de homes que consumen prostitución como pola necesidade económica a que están sometidas, o aumento da psicopatoloxía asociada ao medo, ansiedade, incertidume e descoñecemento da situación familiar en orixe; así como, a maior dificultade de identificación e/ou detección de vítimas de TSH con fins de explotación sexual, xa que, co estado de alarma intensifica o illamento das mulleres, especialmente en pisos.

Por todo o mencionado, as actuacións do proxecto Arco da Vella , continúan a ser fundamentais para poder dar resposta ás necesidades e demandas das participantes, ofrecendo unha actuación individualizada e con enfoque integral. 

Salientar que o número de beneficiarias das actuacións enmarcadas no proxecto do 2020 foi maior que o rexistro, posto que se ofreceu asesoramento, acompañamento telefónico e derivación a recursos a moitas que, dadas as restricións non puideron acudir ao centro e, polo tanto, asinar a documentación necesaria para ser computadas.

Ante os bos resultados en canto a mulleres beneficiarias, intervencións e derivacións, debemos salientar a versatilidade coa que o proxecto fixo fronte as diferentes circunstancias que se foron dando. Non cesando en ningún momento a atención integral telemática e/ou presencial. Os resultados foron positivos, pois no 100% dos casos, entre as participantes rexistradas, a súa calidade de vida viuse mellorada e a metade das mulleres atópanse nun proceso de desenvolvemento persoal e empoderamento que as dotará das ferramentas necesarias para continuar superando dificultades e loitar contra a crise sociosanitaria que estamos a vivir e que afecta de xeito máis dramático ás mulleres en prostitución.

Neste 2021, con Arco da Vella VI continúase ofrecendo atención integral a través das seguintes áreas de intervención:

  • Atencións iniciais (acollida)
  • Asesoramento social
  • Atención psicolóxica
  • Asesoramento xurídico
  • Orientación laboral

Co fin de acadar os obxectivos propostos:

  • Proporcionar a todas as mulleres en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata con fins de explotación sexual, derivadas ou non das autoridades competentes unha atención inicial de calidade.
  • Ofrecer un asesoramento social de calidade ás participantes incidindo no apoio directo, acompañamento e seguimento do proxecto persoal de cada unha que lles permita o acceso a recursos e garanta os seus dereitos fundamentais.
  • Ofrecer ás participantes unha atención psicolóxica profesional, de calidade e a longo prazo que repercuta de maneira positiva nos seus procesos de recuperación persoal e lles permita acadar autonomía e seguridade.
  • Proporcionar ás participantes asesoramento xurídico profesional e de calidade sobre os seus dereitos e deberes así como para a tramitación de procedementos administrativos de diversa índole que incidirán na procura dunha mellor calidade de vida.
  • Dotar ás participantes das ferramentas necesarias para poder iniciar un proceso de busca de emprego eficaz a través de obradoiros formativos prelaborais, orientación e asesoramento laboral.