O PROXECTO ARCO DA VELLA 2026

Segundo Nacións Unidas, millóns de mulleres e nenas son vítimas cada ano de trata con fins de explotación sexual, e a OIM estima que arredor de cen mil acceden anualmente a Europa nesta situación. Trátase dunha grave vulneración dos dereitos humanos e dunha forma contemporánea de escravitude que atenta contra a dignidade e a autonomía das vítimas. É un fenómeno estrutural atravesado pola desigualdade de xénero, expresión extrema das violencias machistas e das desigualdades económicas globais, que require unha abordaxe feminista e interseccional. Entre os factores de risco identifícanse:

  • A feminización da pobreza.
  • A inestabilidade política e económica nos países de orixe.
  • A migración en contextos de vulnerabilidade.
  • A acción de redes criminais organizadas.
  • A ausencia de protección social efectiva.

As mulleres afectadas adoitan presentar múltiples situacións de vulnerabilidade: baixos niveis de escolarización, precariedade económica, ausencia de redes de apoio, situación administrativa irregular ou dependencia económica.

No contexto estatal, España continúa a ser país de destino. Informes oficiais e estimacións de entidades especializadas sinalan cifras moi superiores ás identificadas formalmente, evidenciando a dimensión oculta do fenómeno.

Galicia non é allea a esta realidade. No marco do proxecto Arco da Vella, durante estes 10 anos foron atendidas preto de 4.600 mulleres en contextos de prostitución e/ou trata. No ano 2025 foron atendidas 109 mulleres, das cales máis do 60% recibiron atención integral continuada.

Entre os principais resultados acadados no 2025:

  • Máis do 90% accederon a dereitos sociais.
  • Case o 60% participaron en formación laboral ou prelaboral.
  • Máis do 65% recibiron atención psicolóxica e/ou xurídica especializada.

Cómpre salientar que o número real de beneficiarias é superior ao rexistro formal, xa que se realizaron múltiples actuacións de asesoramento telefónico, derivación e acompañamento non formalizado debido ás dificultades de desprazamento.

A intervención mantívose activa de forma presencial e telemática, garantindo continuidade asistencial. Entre as participantes rexistradas, obsérvase unha mellora significativa na súa calidade de vida, e aproximadamente a metade atópanse nun proceso consolidado de recuperación, autonomía e redefinición do seu proxecto vital.

O proxecto Arco da Vella persegue:

  • Garantir unha atención inicial especializada e centrada na persoa ás mulleres en contextos de prostitución e/ou vítimas de trata.
  • Promover o acceso efectivo a dereitos sociais, sanitarios, xurídicos e laborais.
  • Facilitar procesos de recuperación psicolóxica con enfoque de trauma.
  • Proporcionar asesoramento xurídico integral e acompañamento en procedementos administrativos e xudiciais.
  • Desenvolver itinerarios personalizados de mellora da empregabilidade.
  • Realizar intervención directa en contextos de exercicio da prostitución (clubs e pisos).
  • Fomentar procesos de empoderamento, autonomía e saída da situación de explotación.
  • Sensibilizar á sociedade desde un enfoque de dereitos humanos e igualdade de xénero.

O proxecto intervén principalmente na comarca de Compostela e municipios limítrofes (provincias da Coruña e Pontevedra), estendendo actuacións a diversas localidades onde se detecta exercicio da prostitución. A través de dispositivos de acollida e coordinación en rede, a cobertura amplíase a nivel autonómico e estatal.

O proxecto desenvolve unha intervención integral estruturada en cinco áreas:

  1. Atención inicial e coordinación institucional.
  2. Asesoramento social e acompañamento a dereitos.
  3. Atención psicolóxica especializada.
  4. Asesoramento xurídico.
  5. Orientación e inserción sociolaboral.

Temos moi en conta…

  • Transversalización real da perspectiva de xénero e dereitos humanos.
  • Equipo técnico especializado con formación específica.
  • Traballo en rede estatal e autonómica.
  • Participación activa de voluntariado formado.
  • Estratexia de comunicación dixital con impacto en sensibilización social.