Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas.
O proxecto +PRETO nace coa finalidad
e de mellorar a calidade de vida das mulleres en contextos de prostitución e das vítimas de trata con fins de explotación sexual, ofrecendo acompañamento, apoio integral e oportunidades reais de recuperación persoal e social.
Necesidade do proxecto
Nos últimos anos observouse unha transformación significativa na realidade da prostitución e da trata de mulleres con fins de explotación sexual. A combinación da crise socioeconómica, o endurecemento das condicións laborais e os cambios lexislativos, tanto en España como nos países de orixe, provocou un incremento da vulnerabilidade, a ausencia de oportunidades socio-laborais e un aumento do empobrecemento e da marxinalidade.
Tamén se detectou unha maior diversidade de nacionalidades e a chegada de mulleres con proxectos migratorios desorganizados, o que incrementa a súa exposición á trata e á exclusión social. Ante esta realidade, resulta esencial desenvolver accións de intervención directa, acompañamento e empoderamento, que dean resposta ás novas necesidades detectadas no territorio.
Obxectivos
O proxecto +PRETO estableceuse con dous eixes prioritarios de actuación:
-
Intervención directa no medio, mediante o traballo de rúa en clubs e pisos, para ofrecer información socio-sanitaria, acompañamento e detección de situacións de vulnerabilidade.
-
Promoción do empoderamento e da igualdade, a través de obradoiros formativos, charlas informativas e accións grupais orientadas ao benestar emocional, ao autocoidado e ao coñecemento dos dereitos das mulleres.
Resultados acadados
Durante o período maio – novembro de 2025, o proxecto logrou un impacto social significativo:
-
450 mulleres recibiron información socio-sanitaria e orientación sobre recursos sociais e laborais.
-
72 mulleres accederon a outros servizos de apoio e acompañamento.
-
26 mulleres participaron en obradoiros de orientación e apoio.
-
20 mulleres asistiron a charlas informativas sobre dereitos, saúde e recursos sociais.
-
12 mulleres participaron nos Obradoiros Lilas, centrados na igualdade e prevención da violencia machista.
-
27 mulleres beneficiáronse de 82 axudas de emerxencia para cubrir necesidades básicas urxentes.
Estas actuacións permitiron fortalecer a presenza do programa nos contextos de prostitución, mellorar o acceso das mulleres a recursos públicos e consolidar unha metodoloxía de intervención baseada na proximidade, a confianza e a atención integral.
Conclusións
O desenvolvemento do proxecto +PRETO puxo de manifesto a complexidade e evolución da realidade da prostitución e da trata, así como a necesidade de manter intervencións continuadas, especializadas e adaptadas ás novas formas de vulnerabilidade.
As actuacións realizadas demostraron que o traballo de rúa e o acompañamento social directo son ferramentas fundamentais para establecer vínculos de confianza, detectar situacións de risco e facilitar itinerarios de recuperación persoal e social.
O proxecto consolidouse como un espazo de apoio, referencia e empoderamento, contribuíndo á defensa dos dereitos, á igualdade de oportunidades e á dignidade das mulleres atendidas.
