Qué hacemos

Centro de día

Lugar de atención integral ás mulleres que viven en contexto de prostitución e/ou son vítimas de trata con fins de explotación sexual. Trátase de ofrecer ás mulleres unha atención individualizada dacordo coas súas demandas fora do entorno da prostitución favorecendo deste xeito unha maior calidade e privacidade no encontro.

ACOLLIDA

Recibimos e escoitamos ás mulleres para coñecer cales son as súas demandas, preocupacións ou necesidades de carácter persoal ou familiar. Recollemos a súa historia e analizamos esas demandas, e con ela construímos a resposta máis axeitada: orientación, asesoramento ou derivación aos recursos xa existentes.

ORIENTACIÓN E ASESORAMENTO

Levado a cabo dentro das distintas áreas de traballo do propio Centro e polas súas técnicas específicas: social, xurídica, psicolóxica e de saúde.

  • Social
  • Xurídica
  • Psicolóxica e de saúde integral
ACOMPAÑAMENTO

A outros recursos nas áreas do social, xurídica, psicolóxica e de saúde. Son informadas sobre os dereitos que as asisten en tódolos ámbitos e realizamos os acompañamentos que elas consideren necesarios para que estes se cumpran ou demanden específicamente.

FORMACIÓN

Ofrecemos ás participantes unha formación laboral e prelaboral de calidade así como, asesoramento e orientación laboral individualizada que permita que, a medio-longo prazo, conten coa información, recursos e ferramentas necesarias e, por tanto, teñan á súa disposición todo o necesario para comezar unha busca de emprego activa con posibilidades reais e xustas.

Proxecto psicoeducativo e familiar

Este servizo abre as súas portas no ano 1999, desde entón foise adaptando para dar resposta ás dificultades familiares, creando espazos e servizos novos.

A nosa finalidade é a promoción da autonomía familiar, o desenvolvemento integral das súas potencialidades e a súa participación activa como protagonistas do seu cambio, a partir dun proceso co-construído coas familias, as profesionais, etc.

Partimos de considerar á familia como núcleo básico e esencial da sociedade para o normal desenvolvemento dos nenos e nenas e a protección nun sentido amplo que inclúe todas as actuacións dirixidas a potenciar a función protectora e de afecto das familias, incidindo especialmente nas que presenta maior vulnerabilidade. Trátase de apoiar ás familias para a consecución dun adecuado nivel de funcionamento e autonomía potenciando os seus propios recursos e o desempeño eficaz de roles.

Desenvolvemos programas especializados de prevención e de intervención familiar con nenos, nenas e adolescencia en situación de risco, e coas súas familias.

OBXECTIVOS
  • Orientar e atender de forma psicosocial, tanto ás crianzas como o seu grupo familiar, adaptando a metodoloxía de intervención (individual, grupal ou familiar) ás característica de cada situación.
  • Manter e fortalecer a convivencia das nenas e nenos coa súa familia e intervir para axudar a cambiar as circunstancias de risco existentes.
  • Desenvolver actividades e proxectos psicosocioeducativos, coas nenas, nenos e adolescencia, para fortalecer e mellorar tanto o seu desenvolvemento como favorecer a súa integración social e educativa.
  • Colaborar cos Servizos Sociais e traballo en rede con outras institucións e recursos con obxecto da optimización de todos os elementos da rede.
SERVIZOS DO PROXECTO PSICOEDUCATIVO E FAMILIAR

A. Orientación Familiar

Destinado a familias en dificultade dentro do seu núcleo familiar. Neste servizo trátase de dar unha orientación especializada que permita a todo o sistema familiar (pai, nai, fillo/a, etc) facer os axustes necesarios para reducir conflitos e restablecer o bo funcionamento familiar.

B. Proxecto Vínculo

A través dunha atención especializada trátase de restablecer e/ou mellorar o vínculo paterno/materno-filial cando está deteriorado por algunha circunstancia específica: afastamento prolongado, situacións de tensión familiar continua, divorcio, etc.

C. Apoio Emocional

Destinado a nenos, nenas ou adolescentes en dificultade. Espazo terapéutico onde o/a menor pode expresar as súas emocións (medo, rabia, ira?) dunha forma segura, e así aprender a coñecerse, aceptarse, respectarse e mesmo chegar a resolver, a través dun ambiente facilitador, as súas dificultades.

D. Abrindo Horizontes

A través dun espazo psicosocioeducativo trátase de abrir novos camiños a nenos, nenas e adolescentes nos que predomina o fracaso escolar, os problemas de comportamento e/ou a falta de motivación con obxecto de que descubran ou melloren potencialidades, capacidades e/ou habilidades. Todo iso realizaríase a través de diferentes talleres e/ou actividades.

Piso de acollida/emerxencia

O piso de acollida/emerxencia funciona como residencia temporal e como espazo de transición e reflexión, posibilitando un proceso de recuperación persoal no que se protexe, e se lles ofrece apoio profesional ás mulleres que viven en contextos de prostitución e/ou son vítimas de trata con fins de explotación sexual. Búscase, dende este espazo, paliar as graves consecuencias derivadas desta situación e preténdese que as mulleres superen as dificultades que lles impiden gozar de plena autonomía e ter alternativas sociais e laborais.

Sensibilización

O Programa Vagalume tamén procura sensibilizar á cidadanía sobre igualdade de xénero e violencia de xénero en xeral así como,sobre a situación das persoas vítimas de trata con fins de explotación sexual en concreto.

Neste sentido, Vagalume participa en diversos foros de discusión a nivel nacional e internacional, acude a xornadas específicas da Universidade ou da Administración pública así como visita centros educativos onde se imparten obradoiros específicos sobre os fenómenos mencionados.