Ano: 2017

Financia: Secretaría Xeral de Igualdade – Xunta de Galicia 

O Dispositivo

A trata de seres humanos con fins de explotación sexual é unha das maiores violacións dos Dereitos Humanos, unha forma de escravitude moderna, e unha das caras máis amargas da violencia de xénero. Segundo a OIT (Organización Internacional do Traballo), 2,4 millóns de persoas no mundo están suxeitas á explotación como resultado da trata de seres humanos.

A trata internacional de persoas non é un evento illado, se non que é un fenómenos continuo, unha sucesión de feitos conectados que comezan nun país, normalmente pasa por outros (países de tránsito) e deriva nun terceiro país (de destino). O Protocolo das Nacións Unidas para previr, reprimir e castigar a trata de persoas, especialmente de mulleres e nenas/os, “Protocolo de Palermo” no seu artigo 3, define a trata de persoas como “a captación, o transporte, o traslado, a acollida e a recepción de persoas, recorrendo á ameaza ou ao uso da forza ou outras formas de coacción, ao rapto, ao fraude, ao engano, ao abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade ou a concesión ou recepción de pagos ou beneficios para obter o consentimento dunha persoa que teña autoridade sobre outra, con fins de explotación. A explotación inclúe como mínimo, a derivada da prostitución e doutras formas de explotación sexual, traballos ou servizos forzados, escravitude ou prácticas similares, servidume e extracción de órganos”.

Prostitución e Trata son dous fenómenos estreitamente interrelacionados, sendo a prostitución o obxectivo principal da trata de mulleres. O carácter local, incluso individual, que podía ter a prostitución tradicional foi sustituído por algo moito máis complexo e de maior alcance, por unha actividade delictiva que comercia coas mulleres, vulnerando a súa dignidade e comprometendo gravemente os DD.HH.

A Trata de persoas con fins de explotación sexual debe ser analizada dende unha perspectiva global e interconectada, na que conflúen factores económicos, sociais, políticos e culturais. As desigualdades de xénero, a feminización da pobreza e os fluxos migratorios son factores interrelacionados e determinantes neste fenómeno.

Segundo as Nacións Unidas, España figura entre os principais países de destino de mulleres con fins de explotacións sexual, aínda que tamén destaca a súa condición de país de tránsito. De todos xeitos, descoñécese o verdadeiro alcance e natureza do fenómeno debido, sobre todo, á falta xeneralizada de datos relativos á súa dimensión, evolución, magnitude,etc.

Segundo o VI Plan Galego para a Igualdade entre mulleres e homes, “a trata de persoas, nomeadamente de mulleres e con fins de explotación sexual, é unha cruel realidade que precisa dun tratamento institucional claro e contundente. Segundo datos da Garda Civil, no ano 2009 atendeuse  a 129 vítimas de trata con fins de explotación sexual, das cales o 95,04% eran de nacionalidade estranxeira.”

O Programa Vagalume – CÁRITAS, durante o ano 2017 atendeu arredor de 300 mulleres que viven en contextos de prostitución e/ou son vítimas de explotación sexual ou trata de seres humanos con fins de explotación sexual, no caso de 13 destas mulleres, despois de entrevista individualizada e/ou a través de denuncia, determinouse que había índicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

A través desta análise global do fenómeno e, tendo en conta, o contexto socio-económico, o Programa Vagalume – CÁRITAS dende hai máis de 10 anos busca novas formas de intervención que permitan prestar unha atención integral, apoio, acollida e recuperación ás mulleres vítimas de explotación sexual e de trata e aquelas que viven en contextos de prostitución que, entre outras,  se concreta no Dispositivo de Emerxencia e Acollida. 

A principal finalidade do Dispositivo é proporcionar ás mulleres que viven en contextos de prostitución e/ou son vítimas de trata de persoas con fin de explotación sexual un espazo para levar a cabo un proceso de recuperación persoal e de autonomía plena para lograr a súa integración social, cultural e laboral.

Acoller, protexer, dar seguridade e apoio profesional, proporcionar un fogar así como certa independencia económica é fundamental para abordar de xeito integral o proceso de recuperación e restablecemento das mulleres que viven esta situación.

O Dispositivo posibilita unha residencia temporal, onde as mulleres contan co tempo necesario para a súa recuperación emocional e de reflexión. Nese tempo trátase de potenciar os seus recursos persoais para afrontar situacións futuras, que sexan mulleres autónomas, independentes e capaces de elaborar un proxecto vital.

É fundamental destacar a importancia das relacións que se establecen no Dispositivo de acollida e emerxencia xa que, ao lograr un maior grao de interacción e achegamento, afóndase no coñecemento da situación de cada muller e do propio contexto no que se traballa. Este feito permítenos, ademais de realizar unha intervención máis completa, identificar a posibles vítimas de trata.

Malia que na maior parte dos casos non hai denuncia, se seguimos a definición do Protocolo de Palermo citada anteriormente, un número moi elevado de mulleres son, efectivamente, vítimas de trata.

A ausencia de denuncias é explicada polas propias mulleres facendo referencia ao medo e á falta de garantías sobre a súa seguridade e a da súa familia tanto no país de orixe como no de destino. Este é o motivo polo que en moitos dos casos teñamos que empregar recursos e ferramentas legais e sociais diferentes aos que se empregan cando as mulleres teñen a condición recoñecida de “vítima de trata”.

“Ensináronnos a ter medo á liberdade; medo a tomar decisións, medo á soidade. O medo á soidade é un gran impedimento na construcción da autonomía”. Marcela Lagarde 

Clic en el botón Editar para cambiar este texto.