A sala de conferencias do Auditorio de Vilagarcía de Arousa encheuse onte para escoitar falar dun tema incómodo para moitos, pero que precisa dun debate social e de maneira urxente: a prostitución. “Para nós é moi importante que a sociedade coñeza esta realidade, para que non teña prexuízos e estigmatice ás mulleres; son persoas e detrás de cada unha hai unhas circunstancias, hai unha historia”, explica Lourdes Pazo. Ela interveu onte como técnica do proxecto Vagalume de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela; un plan de atención a mulleres nesta situación e tamén a vítimas de trata de persoas , o seu ámbito de actuación chega a Vilagacía, e fíxoo para presentar un documento co que se pretende espertar conciencias e transformar a realidade social que sustenta a persistencia do problema.

O marco é un documento sobre a prostitución en España desde a mirada desta organización e que analiza a situación e propón medidas que impliquen ás administracións, pero tamén a toda a sociedade que agora só “mira de maneira moi estigmatizada” a quen se dedica á prostitución e cando “moitas ven abocadas polas circunstancias”. De feito para Pazo é moi significativo que máis do 80% son inmigrantes. E é que “é un problema baseado na desigualdade, a falta de oportunidades e tamén de información, como sucede no caso de inmigrantes que descoñecen os recursos e as alternativas que están ao seu alcance”. Desde Vagalume ofrécenlles esa axuda, ademais de atención xurídica e mesmo psicolóxica se é necesario. Tamén poñen á súa disposición un piso de acollida e todo iso “independentemente de se queren estar ou non na prostitución. Non rescatamos, dámoslles alternativas“, explica.

Percorrer clubs ou pisos onde se ofrecen estes servizos é parte do traballo do equipo deste programa de Cáritas e “evidentemente non é fácil porque falamos de persoas e detrás de cada muller hai unha historia, unhas circunstancias”, non deixa de repetir Pazo. E é que para ela hai algo fundamental para rematar dunha vez con este tráfico e  cambiar a mirada da sociedade. “Ponse o foco do problema na muller e non no importante: o diñeiro que move, os proxenetas, os clientes, etc. Ela é unha vítima máis”. Unha vítima de situacións como a crise económica pois se detectou un regreso dalgunhas que só atopan neste exercicio a única posibilidade de subsistencia dela e dos seus fillos unha vez que esgotaron as prestacións, chegando mesmo a ocultalo ao seu núcleo familiar máis próximo.

VER A NOVA COMPLETA